Comezan a repartir os manuais de Primaria depositados no Banco de Libros de Texto

Pontevedra
01 de xullo 2014

Desde este martes, xa non se recollen máis libros e iniciouse a entrega dos lotes de Primaria. Segundo o calendario establecido polo Concello de Pontevedra, as familias de Primaria poderán recoller os seus lotes dende esta semana e na vindeira serán as de Secundaria.Na pasada edición o banco de libros entregou 3.224 manuais a familias pontevedresas

Banco de Libros de Texto do Concello de Pontevedra
Banco de Libros de Texto do Concello de Pontevedra

As familias con nenos que cursan estudos de Primaria son as primeiras que se poden achegar ata a Casa Azul para recoller os manuais do Banco de Libros de Texto da Redeaxuda. Persoal da concellería de Benestar Social comezou este martes a entregar estes libros, seguindo a listaxe de peticións recibidas nas últimas semanas.

Durante a pasada semana, o banco recibiu os libros das familias que se achegaron ás dependencias municipais a deixar os seus lotes e a presentar as peticións para o vindeiro curso. Tamén a finais de semana comezouse a recibir os libros depositados nos centros de ensino do municipio, un traballo que concluíu estes días.

Desde este martes, xa non se recollen máis libros e iniciouse a entrega dos lotes de Primaria. Segundo o calendario establecido polo Concello de Pontevedra, as familias de Primaria poderán recoller os seus lotes dende esta semana e na vindeira serán as de Secundaria.

A finais do mes de xullo a concellaría de Benestar Social colgará na páxina web de Redeaxuda os libros excedentes do banco, para que as familias que o desexen soliciten os que queiran na convocatoria de setembro, coincidindo co remate da época de exames.

O Banco de Libros de Texto, situado na Casa Azul, está aberto ao público de 10.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas.

Esta iniciativa pretende ser algo máis que un instrumento de aforro e para iso se busca sensibilizar ao alumnado, as súas familias e ao profesorado para que o aproveitamento de recursos valiosos, como son os libros, sexa una actitude vital.

Na pasada edición o banco de libros entregou 3.224 manuais (1.698 de Secundaria e 1.526 de Primaria), cun valor de mercado aproximado duns 100.000 euros.