Comezan as obras de saneamento en Canelas

Sanxenxo
10 de xuño 2019

Os traballos teñen un orzamento de 38.837 euros e van realizarse nun espazo de 200 metros. Está prevista a apertura dunha gabia para a instalación das distintas canalizacións

Obras de saneamento en Canelas
Obras de saneamento en Canelas / Concello de Sanxenxo

O núcleo de vivendas situadas nas proximidades á praia de Canelas atopábase ata este verán sen servizo de saneamento de augas residuais. Desde esta semana estanse acometendo os traballos para levar a cabo a instalación de rede de rede de sumidoiros nun punto sensible do municipio de Sanxenxo.

Esta obra que acomete a empresa Construcións Vale conta cun orzamento de 38.837 euros e esténdese ao longo de 200 metros. A intervención contempla a apertura dunha gabia para instalar as canalizacións e os pozos de rexistro, para despois repoñer o pavimento. O financiamento procede do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Ao tratarse dunha zona próxima ao areal, o Concello de Sanxenxo tivo que obter as autorizacións sectoriais que permitan a realización destes traballos. Segundo a información facilitada polo goberno local, as obras contan coa autorización do servizo provincial de Costas, do servizo de Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente e autorizacións de particulares, debido a que unha parte do colector de saneamento discorre por terreos de titularidade privada e era necesario o seu permiso para poder levar a cabo a instalación.