Comezan as obras do aparcamento central de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
28 de marzo 2022

O Concello de Ponte Caldelas iniciaba este luns os traballos para a creación do aparcamento central, unha actuación que foi adxudicada á empresa Zona de Obra por 55.334,33 euros e cun prazo de execución de dous meses

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, visita a zona onde se vai construír o aparcamento central
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, visita a zona onde se vai construír o aparcamento central / Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas iniciaba este luns os traballos para a creación do aparcamento central, unha actuación que foi adxudicada á empresa Zona de Obra por 55.334,33 euros. O prazo de execución dos traballos é de dous meses.

A empresa comezou coa preparación do terreo retirando a maleza e arboredo que había nas parcelas de xeito manual. Nos vindeiros días entrará a maquinaria para iniciar o groso dos traballos, que permitirán que Ponte Caldelas conte cun aparcamento no centro da vila para dar servizo a veciños e visitantes que a diario se achegan ata o casco urbano para realizar as súas compras, facer xestións ou para actividades de lecer.

"Ponte Caldelas medra coa chegada de máis veciños e cada vez máis persoas da contorna veñen mercar á nosa vila, porque somos o centro comercial de toda a comarca. Dende 2015, cando cheguei á Alcaldía, duplicamos as prazas de aparcamento e, aínda así, hai días que non chegan", indica Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas.

Dende o Concello maniféstase que, con esta obra, a vila segue así avanzando no ‘Modelo Ponte Caldelas’, resultado dunha mellora do espazo urbano para gañar en seguridade e mobilidade peonil, ao mesmo tempo que se incrementan e ordenan as prazas de aparcamento gratuíto para os vehículos.