Augas de Galicia desenvolve as obras en Vilagarcía de Arousa para mellorar o sistema xeral de saneamento a través da empresa Petrolam Infraestruturas con financiamento de fondos europeos.
Por este motivo, reordénase desde este luns 2 de outubro o tráfico na avenida de Valle Inclán, que discorre paralela ao porto unindo o centro con Vilaxoán polo litoral. Trátase dunha vía que conecta coa avenida de Pablo Picasso que tamén dá acceso á circunvalación.
A nova ordenación estará vixente durante un tempo máximo de oito semanas, segundo o goberno local de Vilagarcía.
As obras consisten na instalación dunha tubaxe de impulsión de 450 mm, afectando o tramo comprendido entre a rotonda fronte a Maderas Redondo e a outra que vincula o porto con Pablo Picasso.
A empresa habilitará dous carrís "express" de uso exclusivo para o tráfico portuario: un, en Valle Inclán, entre as dúas glorietas; e outro, entre na baixada de Pablo Picasso cara ao porto. Habilitarase un segundo carril de tráfico xeral, indicando "centro". As persoas que circulen por esta zona só poderán virar á dereita, cara a Vilagarcía e non á esquerda, cara a Vilaxoán. Só será posible circular cara ao leste cando se percorra o vial dereito de Valle Inclán.
Entre a rotonda de Maderas Redondo e o entroncamento de Valle Inclán con Pablo Picasso o carril esquerdo permanecerá inhabilitado durante estas oito semanas de obras. O carril dereito será reversible e contará con regulación por semáforos. A empresa ten previsto inhabilitar esta zona por tramos para que o tráfico sexa máis fluído.
Desde o goberno de Vilagarcía pídese a colaboración dos condutores para que se poidan desenvolver con normalidade estas obras de extensión da nova rede de colectores.