Este luns 13 iniciáronse as obras que a consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta vai acometer para crear o complexo intermodal de Pontevedra.
Os traballos comezaron co acondicionamento do edificio da terminal de autobuses, que supoñerá unha reforma funcional, estética e de eficiencia enerxética das instalacións.
A reforma deste edificio supoñerá un cambio de cara. Centrarase na cuberta, nos interiores e na fachada, segundo expoñen desde a Xunta; e ademais retocaranse os interiores e melloraranse os sistemas de información.
O obxectivo destes traballos é lograr a intermodalidade entre a terminal de autobuses e a estación de ferrocarril. A conexión entres as dúas estacións será sinxela e segura para os peóns grazas a un itinerario de paso que se complementará cunha reordenación urbana da fronte da estación, mellorando a seguridade viaria e recuperar un espazo público para a cidadanía.
Eliminaranse os actuais accesos de autobuses grazas á creación dunha entrada directa desde a rúa Josefina Arruti. Nesta zona instalaranse semáforos regulados a demanda e carrís de espera.
Dentro do proxecto da Xunta, quérese poñer en valor a contorna do río Gafos, que se recuperará cun novo espazo ao rexenerarse unha zona que bordea á estación de autobuses. Construirase unha pasarela de madeira que permita pasear por ese espazo.
O investimento desta obra é superior aos 6 millóns de euros. A Xunta achega o 75%, máis de 4,6 millóns, mentres que o resto é investimento municipal, grazas a un convenio asinado entre o Concello e a administración autonómica.