As obras de continuación da senda peonil e ciclista que unirá a Rúa do Forte, no centro de Marín, e as principais praias do municipio están en marcha.
Así o informa o Concello de Marín, ante a que supón unha importante mellora en materia de mobilidade para unir o centro urbano co litoral.
Trátase dun proxecto incluído dentro do Plan de Sustentabilidade Turística, financiado polo Fondo de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea, e que implica un investimento de 564.113,26 euros.
Os traballos consistirán na continuación do itinerario peonil e ciclista, así como a mellora da accesibilidade, que xa se iniciou nunha primeira fase na Rúa do Forte, xunto á gasolineira.
A previsión agora é completar o resto da rúa ata o Viario de Praias, chegando ata o areal de Mogor.
"Con esta obra, conseguimos que exista unha senda para peóns e ciclistas desde o inicio do termo muncipal en Cantodarea ata a Praia de Mogor, un auténtico luxo para a mobilidade sostible", explicou a alcaldesa de Marín, María Ramallo.
No que respecta á actual intervención, na Rúa do Forte eliminarase a liña de estacionamento que actualmente ocupa parte dun dos carrís da calzada, na zona de subida antes do cruzamento, e é necesario entre outros asuntos renovar o saneamento.
Desde ese punto e ata case a entrada da Escola Naval cara a Portocelo, o uso será de trazado compartido entre as bicicletas e peóns.
Ademais, colocaranse redutores de velocidade e toda a iluminación pasará a ser de tecnoloxía LED.