O Concello de Bueu arranca unha serie de obradoiros de igualdade nos centros educativos de primaria e secundaria da vila.
A concelleira de benestar social e igualdade, Ana Isabel Otero, inaugurou esta actividade no CEIP Plurilingüe A Pedra, e salientou que "é importante que levemos a igualdade aos nenos e nenas, que son o presente e futuro". A edil animou á cativada a "aplicar o que aprendades nestes obradoiros á vida cotiá".
A empresa Lilandeiras, especializada en servizos de igualdade, é a encargada de impartir estes obradoiros que abordan diversas cuestións adaptados a cada nivel educativo.
No colexio de A Pedra acolleron este venres un titulado “Proxectando igualdade” destinado aos nenos e nenas de 4º de primaria, para concienciar dos roles e estereotipos a través de películas, series e debuxos animados; outro de “Violencia de xénero e redes sociais” para 5º, no que puideron aprender sobre o papel que xogan as redes sociais nas nosas vidas e as múltiples violencias machistas que se poden dar no espazo virtual; e “Mitos de amor romántico”, co que os rapaces e rapazas de 6º traballaron mitos do amor romántico e reflexionaron sobre as bases das relacións sas, igualitarias e baseadas no respecto e a confianza.