Comezan os traballos para crear unha horta urbana en Conde Bugallal

Pontevedra
07 de maio 2014

Van plantarse árbores e está previsto que se instalen bancos e mesas para a comodidade das persoas que traballarán na horta urbana, que contará cunha caseta para poder gardar os instrumentos de labranza

Xornada de colleita na horta urbana da asociación veciñal Pedra do Lagarto
Xornada de colleita na horta urbana da asociación veciñal Pedra do Lagarto / Mónica Patxot

O terreo municipal de Conde Bugallal, no barrio da Parda, está a acoller os traballos para o acondicionamento dos terreos que albergarán a próxima horta urbana. As obras contemplan a limpeza, a retirada de cascotes e a mellora do acceso ao propio terreo.

Durante estes traballos tamén se plantarán árbores e instalaranse bancos e mesas para a comodidade das persoas que traballarán a horta urbana. O terreo contará cunha caseta para poder gardar os instrumentos de labranza, á parte da conexión de auga necesaria para o seu desenvolvemento.

Estas obras de acondicionamento execútaos o módulo de xardinaría do colexio Xoán XXIII, que colabora coa Concellaría de Benestar.

Esta futura horta urbana contará con 41 parcelas de 10 x 2 metros nas que traballarán exclusivamente mulleres, dado que é o proxecto promovido pola Concellaría da Muller co obxectivo de impulsar este modelo de horta ecolóxica.

Pontevedra conta xa con outros proxectos similares como a horta de Monte Porreiro, que é atendida por escolares.