Comezan os traballos para retirar a flora invasora na Xunqueira de Alba

Pontevedra
06 de xuño 2016

Completaranse coa retirada de lixo e restos da marisma e das charcas próximas

Herba da Pampa
Herba da Pampa / PontevedraViva

Este martes darán comezo os traballos para localizar e retirar as plantas invasoras na zona da Xunqueira de Alba. Completaranse coa retirada de lixo e restos acumulados na marisma e tentarase facer o mesmo nas charcas próximas.

Os traballos desenvolveranse baixo a supervisión do departamento municipal de Medio Ambiente Natural. Após dunha avaliación de situación procederase a actuar nas distintas zonas nas que medra flora invasora. As especies de flora invasora sobre as que se actuará dun xeito directo son as seguintes:

  • Herba da pampa: Cortaderia selloana
  • Acacia negra: Acacia melanoxylon
  • Mimosa: Acacia dealbata
  • Robinea: Robinea pseudoacacia
  • Cana: Arundo donax
  • Cotula coronopifolia. Medra en zonas de xunqueira e marismas costeiras creando masas monoespecíficas. O arranque manual debe ser moi coidadoso posto que os restos que poidan quedar poden enraizar dando lugar a novas plantas
  • Tradescantia fluminensis. Moi frecuente en zonas húmidas, beiras de ríos, mananciais, etc. nos que forma tapices monosespecíficos afectando á rexeneración natural das especies autóctonas.

 

O obxectivo da actuación é preservar os valores naturais e paisaxísticos deste espazo da cidade que ten a cualificación de ENIL (espazo natural de interese local) e que é unha zona moi concorrida polos pontevedreses que teñen na práctica do deporte e actividade física un dos seus hábitos de lecer.

Tamén se retirarán as especies invasoras (neste caso herba da pampa) da rotonda de Praceres.