Este luns dábase o primeiro paso para ampliar a oferta habitacional no municipio en Marín coa posta en marcha dos trámites que permitirán desenvolver solo residencial nas Raposeiras.
Esta intervención posibilitará a construción de 400 vivendas.
O Consello da Xunta aprobou o inicio desta tramitación, que garantirá que polo menos 320 dos futuros inmobles, o que representa un mínimo do 80%, terán carácter de protección oficial.
Esta iniciativa forma parte da Estratexia de Solo Residencial impulsada pola Administración autonómica, un plan delineado para facilitar parcelas destinadas á edificación de 25.000 vivendas en toda Galicia, das cales 20.000 serán protexidas e 5.000 de promoción pública.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xa anticipara durante o verán que se estaba a colaborar co executivo local marinense para identificar e delimitar un ámbito axeitado que permitise habilitar novo solo residencial no municipio.
Con esta actuación, Marín súmase aos concellos galegos que buscan dar resposta á demanda habitacional a través do desenvolvemento de solo residencial con predominio da vivenda protexida, impulsada desde o departamento que lidera a conselleira pontevedresa.