Comisións Obreiras acusa a Carmela Silva de usar as políticas de igualdade para a súa "promoción persoal"

Pontevedra
06 de marzo 2017

Asegura este sindicato que as políticas que está a impulsar o goberno provincial bipartito sobre esta materia "lévanos a un gasto importante de diñeiro que non redunda na práctica en nada de prevención para as mulleres maltratadas nin no tema da igualdade"

Rolda de prensa da sección sindical de Comisións Obreiras da Deputación
Rolda de prensa da sección sindical de Comisións Obreiras da Deputación / PontevedraViva

A sección sindical de Comisións Obreiras da Deputación de Pontevedra compareceu en rolda de prensa para criticar á presidenta da administración provincial, Carmela Silva, xa que entenden que no tema da igualdade e a violencia de xénero "o que está a facer a presidenta é unha campaña de promoción persoal".

Segundo afirmou o delegado de Comisións Obreiras na Deputación, José Ramón Piñeiro, "gustaríanos unha presidenta non que dixese o que pensa senón que fixese o que di" polo que esixiu "medidas concretas" de fomento da igualdade.

Asegura este sindicato que as políticas que está a impulsar o goberno provincial bipartito sobre esta materia "lévanos a un gasto importante de diñeiro que non redunda na práctica en nada de prevención para as mulleres maltratadas nin no tema da igualdade".

A maior crítica de Comisións Obreiras diríxese á ausencia dun Plan de Igualdade porque "se está a incumprir a legalidade" xa que este documento é obrigatorio como sinala un Real Decreto do 4 de agosto do ano 2000, motivo polo que a Inspección de Traballo abriu un requirimento "por unha infracción moi grave" á  administración provincial no ano 2014, estando gobernada a institución polo Partido Popular.

Comisións Obreiras explicou que durante o mandato de Rafael Louzán chegouse a crear un grupo de traballo para a elaboración dun Plan de Igualdade "pero as eleccións municipais e logo as sindicais" foron demorando este traballo ata que o goberno bipartito decidiu contratar a unha empresa privada que agora está a realizar un diagnóstico de situación para presentar o próximo mes de abril este conxunto ordenado de medidas.

Esta contratación "preocúpanos", indicou Ángela Comesaña de Comisións Obreiras.

José Ramón Piñeiro tamén criticou que o Servizo de Igualdade, posto en marcha por primeira vez na Deputación polo bipartito, "só teña contratadas a mulleres".

Este sindicato insta o goberno provincial a que "axilice" a elaboración do Plan de Igualdade, que cre tribunais de selección paritarios, habilitar módulos de formación en igualdade e tamén "instaurar un protocolo de acoso sexual".

Finalmente, o delegado de Comisións Obreiras na Deputación, pediu ao goberno provincial "que deixe de dicir que as competencias son da Xunta" e que poña en práctica "accións concretas" contra a violencia de xénero. Entre outras, piden que se destine a prevención unha parte do orzamento provincial, e que se destine para a acollida ás vítimas dos malos tratos dous pisos que ten a institución no barrio de San Antoniño en Pontevedra e tamén as vivendas que hai no Centro Príncipe Felipe.