Comisións Obreiras pide a Carmela Silva que "deixe de enredar" coa transferencia do Centro Príncipe Felipe

Pontevedra
12 de febreiro 2020

A Sección sindical de Comisións Obreiras na Deputación de Pontevedra pediu á presidenta provincial Carmela Silva que "deixe de enredar" co tema da transferencia porque "ela mesma sabe que non se vai a dar". "Este é un xogo político perverso que pon nerviosos aos traballadores e as súas consecuencias acaban padecéndoas os nenos", asegura nun comunicado este sindicato

Rolda de prensa dos delegados de Comisións Obreiras na Deputación
Rolda de prensa dos delegados de Comisións Obreiras na Deputación / Mónica Patxot

A Sección sindical de Comisións Obreiras na Deputación de Pontevedra pediu á presidenta provincial Carmela Silva que "deixe de enredar" co tema da transferencia porque "ela mesma sabe que non se vai a dar". "Este é un xogo político perverso que pon nerviosos aos traballadores e as súas consecuencias acaban padecéndoas os nenos", asegura nun comunicado este sindicato.

Desde Comisións Obreiras acusan á presidenta da Deputación de "mentir sen ningún tipo de rubor" sobre os investimentos orzados e executados nos centros. Así, o actual goberno provincial -formado por PSOE e BNG- sitúa o investimento levado a cabo en cinco anos en tres millóns de euros en obras, ademais do millón de euros que destina anualmente a mantemento mentres que CC.OO. reduce o investimento "real" a 680.000 euros "que é a cantidade máis pequena de todas as lexislaturas nos últimos 20 anos".

Ademais Comisións Obreiras afirma que Carmela Silva "culpabiliza aos demais da deterioración das instalacións" porque "remórdelle a conciencia de facer un uso político a conta das desgrazas dos menores acollidos" cando, segundo este sindicato, o que tería que facer "se fose unha política decente, é todo o contrario do que fai".

Finalmente, desde Comisións Obreiras apuntan que "Carmela Silva só quere transferir aquilo ao que non lle pode sacar rendibilidade política", e reafirman a súa posición é contraria ás  trasferencias dos distintos centros "porque prexudican os dereitos adquiridos polos traballadores na Deputación".