O secretario da sección sindical de Comisións Obreiras na Deputación de Pontevedra, José Ramón Piñeiro, considera necesario un acordo co equipo de goberno para "solucionar os problemas" que ten o persoal do organismo provincial. Comisións Obreiras entende que "polo menos a nivel teórico" existe "coincidencia de criterios" entre ambas as partes polo que "o mellor e máis prudente é sentar a falar e negociar sen descanso".
Piñeiro cita como exemplo a negociación establecida para a aprobación das contas para o orzamento 2018 no que as partidas correspondentes ao capítulo de persoal "conteñen desigualdades" xa que "colectivos enteiros que fan o mesmo traballo e cobran salarios diferentes todos os meses" unha condición que "nalgúns casos agrávase" segundo o persoal sexa persoal laboral temporal ou interino.
Este sindicato presentou alegacións ao orzamento neste sentido ao entender que "non é unha xustificación razoable e menos aínda obxectiva que para un traballo igual non se dea igualdade de dereitos e beneficios".
José Ramón Piñeiro tamén lle lembra ao goberno provincial que e está a incumprir a legalidade "en relación cos labores que están a facer determinados traballadores laborais, cando se sabe con certeza que esas tarefas son propias de persoal funcionario". Para resolver esta situación este sindicato pide "que se transformen as prazas de laborais a funcionarios".
Finalmente Comisións Obreiras pide "que non se realicen contratacións que impliquen facturacións de servizos por traballos que poden facer os funcionarios da Deputación con garantías". E citan expresamente ao Parque de Maquinaria que poderían dar un rendemento un 50% superior.