Como actuar en caso de producirse situacións de violencia de xénero durante o confinamento?

Pontevedra
21 de marzo 2020

O Colectivo Feminista de Pontevedra alerta de que na situación de illamento nos domcilios na que nos atopamos con motivo do espallamento do coronavirus se incrementa a posibilidade de que se produzan casos de violencia machista, sobre todo no rural. Lembran ás vítimas que empreguen o 016 para denunciar calquera tentativa de agresión

Cartel que explica como actuar ante a violencia machista durante o confinamento
Cartel que explica como actuar ante a violencia machista durante o confinamento

O Colectivo Feminista de Pontevedra alerta da situación na que se atopan as mulleres vítimas de violencia machista durante estas semanas de illamento nos domicilios, sobre todo nas zonas do rural. 

Desde este colectivo, lembran que as vítimas poden chamar ao 016, que é o teléfono de atención ás vítimas de violencia machista, pero tamén sinalan que o teléfono de información do CIM en Pontevedra é o 606 400 680 e nel atenderase de 09.00 a 21.00 horas a calquera muller que o precise. 

O Ministerio de Igualdade publicou unha Guía de actuación para mulleres que estean a sufrir violencia de xénero en situación de permanencia domiciliaria derivada do estado de alarma por  COVID-19 onde se ofrecen teléfonos de apoio emocional inmediato e unha serie de recomendacións.

Lembran que #ante unha situación de perigo, no caso de que non sexa posible realizar unha chamada, pode utilizarse a APP ALERTCOPS, desde a que se enviará un sinal de alerta á policía coa localización da vítima.

En caso de vivir co agresor e resulte imposible chamar por teléfono aos servizos de axuda habituais, o servizo do 016 dispón dunha canle de información e asesoramento online, habilitado 24 horas, 365 días ao ano, no que se reciben consultas sobre dereitos e recursos, así como facilitar asesoramento xurídico: [email protected].

En todo caso, a recomendación ante situacións de emerxencia pídese ás vítimas que chamen ao teléfono gratuíto de asistencia inmediata 112 para que acudan as Forzas e Corpos de Seguridade correspondentes.