Completan a mellora do Camiño do Convento, en Cuntis

Umia
09 de maio 2023

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, explicou que este proxecto “era moi necesario por tratarse dunha vía de comunicación moi utilizada polos veciños e veciñas e que presentaba un pavimento asfáltico que precisaba unha mellora"

Reforma do Camiño do Convento en Cuntis
Reforma do Camiño do Convento en Cuntis / Concello de Cuntis

O Concello de Cuntis ven de acometer a rexeneración integral do coñecido como “Camiño do convento” mediante unha nova capa de pavimento de formigón ademais de melloras no alumeado.

A actuación contou cun orzamento de 40.000 euros achegados pola Deputación Provincial a través do Plan Concellos.

Este tramo do camiño, comprendido desde a estrada PO-220 á entrada ao Convento, foi humanizado mediante o ancheamento do mesmo e a dotación dunha nova capa pavimento composta por formigón ademais dunha actuación encamiñada a evacuación das augas pluviais, que era un dos seus principais problemas.

O alcalde destacou que este proxecto “era moi necesario por tratarse dunha vía de comunicación moi utilizada polos veciños e veciñas e que presentaba un pavimento asfáltico que precisaba unha mellora debido ao seu mal estado de conservación provocado polo paso do tempo”.