O Concello de Soutomaior vai desenvolver o arranxo do salón de actos do CEIP Manuel Padín Truiteiro, no que se vai mellorar mellorar o actual patio de butacas, o alumeado e o pavimento.
Así o anunciou o alcalde, Manu Lourenzo, que asegurou que se trata dunha actuación falada e consensuada co director do centro escolar que permitirá subsanar diferentes eivas no espazo.
O obxectivo desta actuación é que tanto o alumnado como o persoal docente do centro escolar poidan gozar dun salón de actos en boas condicións e cunhas instalacións coidadas.
Manu Lourenzo sinalou que este arranxo súmase ás obras e traballos realizados polo Goberno local neste colexio, na Escola Infantil de Romaríz e no centro de A Galiña Azul de Arcade durante o mes de agosto.
Segundo explicou, son actuacións resultado dun diálogo fluído e constante cos equipos directivos dos centros. Todos os arranxos realízanse con fondos propios porque "para nós, investir en educación, dentro das competencias que lle corresponden ao Concello, é un obxectivo prioritario".