Compromiso da Xunta para humanizar a Avenida da Barca

Poio
22 de xuño 2024

A Conselleira de Infraestruturas, María Martínez Allegue, trasladou ao alcalde de Poio o compromiso do goberno autonómico para acometer esta humanización da PO-308, entre a ponte da Barca e a Avenida Antelo Mariño (PO-310)

Encontro da conselleira de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde de Poio, Ángel Moldes
Encontro da conselleira de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde de Poio, Ángel Moldes / Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia comprometeuse a colaborar na humanización do primeiro tramo da estrada da PO-308, ao seu paso por San Salvador de Poio.

Así llo trasladou nun encontro a Conselleira de Infraestruturas, María Martínez Allegue, ao alcalde de Poio, Ángel Moldes, reunión á que acudiu acompañada do director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez.

Moldes e Martínez Allegue abordaron a necesidade de pechar un convenio para poder executar esta actuación, que estaría cofinanciada entre a Xunta e o Concello.

En concreto prevese investir 1,1 millóns de euros para humanizar e mellorar a seguridade da Avenida da Barca, o tramo da PO-308 que transcorre desde a ponte da Barca ata a Avenida Antelo Mariño (PO-310).

Segundo explicaron tras o encontro o 70% do custo da actuación asumiríaa o goberno autonómico e o 30% restante a administración local.

Tras este compromiso, será agora o Concello de Poio o que deberá licitar e executar as obras de reforma.