O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, reiterou este martes 11 o compromiso do Executivo central coa mellora e optimización do mantemento da estrada N-640, unha vía clave para as comarcas do Deza, Tabeirós-Terra de Montes e Caldas.
Durante unha reunión celebrada na Subdelegación do Goberno en Pontevedra, Blanco escoitou as demandas do alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e avanzou as actuacións previstas para paliar os danos máis graves e urxentes que se detectan nesta estrada.
O encontro, no que participaron tamén o subdelegado do Goberno, Abel Losada, e o xefe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Ángel González del Río, serviu para analizar o estado actual da N-640 e os plans de actuación inmediatos.
Blanco destacou que "unha das nosas principais preocupacións relativas a infraestruturas é o estado dos firmes das estradas", e subliñou a importancia de atender as necesidades específicas de Cuntis e os municipios limítrofes.
Neste sentido, o delegado anunciou que durante a primavera deste ano executarase un contrato de servizo de firmes que permitirá abordar os danos máis graves en varios tramos da N-640. Esta actuación, que afectará a Cuntis e outras localidades das comarcas do Deza e Tabeirós, será un primeiro paso para mellorar as condicións desta vía de alto tráfico.
Ademais, Blanco avanzou que xa están en marcha as xestións para acelerar un contrato de rehabilitación integral do firme da N-640, que actualmente se atopa en fase de redacción polo Ministerio de Transportes para garantir unha maior seguridade e comodidade nesa vía.
Acordouse tamén acelerar a execución do contrato ordinario de mantemento da N-640, que conta cun orzamento de 8 millóns de euros destinados á conservación da estrada na zona norte da provincia de Pontevedra.
A intención é recuperar as mellores condicións posibles nunha vía que soporta un tráfico intenso e que é fundamental para conectar as comarcas desta zona.

Durante a reunión, tamén se abordaron outras infraestruturas de competencia estatal en Cuntis, como a variante e a travesía, sobre as que se esperan novidades nos próximos meses.
Blanco recordou que o estado actual das infraestruturas viarias é consecuencia dos recortes aplicados durante o mandato de Mariano Rajoy, cando o orzamento para o mantemento de estradas alcanzou mínimos históricos.