Con permiso de Juan del Álamo, adeus presidente

Pontevedra
14 de agosto 2017

Último festexo da feira de 2017 e como nas dous anteriores do abono no coso de San Roque abríase a porta grande. O triunfo foi para un dos debutantes nesta praza, Juan del Álamo, que cortou unha orella a cada un do seu lote. Foi a derradeira tarde de José Manuel López como presidente

José Manuel López Sánchez no seu derradeiro festexo como presidente na praza do touros
José Manuel López Sánchez no seu derradeiro festexo como presidente na praza do touros / Diego Torrado

Tentara en Pontevedra e este domingo 13 de agostou probou o triunfo. Juan del Álamo que por primeira vez facía o paseíllo en San Roque foi quen puxo os mellores momentos á despedida da feira.

Larga cambiada, de xeonllos, próximo a táboas. Abra os ollos o respectable que me vou a presentar. Presentación feita, pasamos á muleta. Unha faena con emoción e transmisión que abriu con seis derechazos de xeonllos de marca. Do defecto do animal fixo virtude nos seus pases. Mediu esa ínfima distancia entre manter a man baixa e aguantar a arremetida de "Levantisco" sen que dobrase as mans. Foise del Álamo a pola espada e aínda lle arrancou cinco estatuarios de "olés". A estocada enteira chegou ao segundo intento tras unha picada. Primeira orella.

Ao cuarto da tarde deixouno sen unha orella despois de nove quendas de muleta, con moita man esquerda; unha picada e unha estocada enteira.

Álvaro Lorenzo tiña que velas con "Perturbador", pero saía con ínfulas de chiqueros e estampouse contra un burladero. Pitón esquerdo astillado e adeus mans. Inmediatamente o público pediu o cambio. A pesar da pitada, pasou por varas e tras ese encontro, decidiuse desde o balcón a súa retirada. Saíu o sobrero ao rodo, con boas impresións esta vez. Así foi. A mellor estampa do matador coa espada non foi esta. Un mete e saca, e dúas picadas fondas non foron suficientes para dar saída ás mulillas; así que antes o puntillero fixo o seu labor. Silencio e os aplausos para "Vareta" no arrastre.

No segundo do seu lote topouse coa negativa do touro para entrar ao trapo. Nin arre nin só. Nin neste terreo, nin aquel. Nin polo esquerdo, nin polo dereito. Esta vez acertou á primeira na suprema, pero tardou en caer diante da porta de chiqueros. O ano pasado debutaba en Pontevedra saíndo aos ombreiros; esta vez tocaba baixar ao chan.

"Que vinte anos non é nada" cantaba Gardel con acerto. E con vinte anos, a traxectoria do triunfador de San Isidro é meteórica. Así que, aínda que o debut de Ginés Marin na Feira da Peregrina non foi o desexado, nin para el nin para o público -e tampouco para o empresario-, quedo co convencemento de que nos volveremos a ver.

No terceiro da tarde, pediuse o seu recoñecemento cunha orella, pero a presidencia considerou o contrario. Quedo coas tafalleras co capote e os dous doblones que rubricou na  primeira quenda da muleta. "Polvorón" quedou atascado no rodo, como o polvorón na boca. Difícil faena que o público lle recoñeceu con volta ao rodo. E para pechar a feira, o sexto aínda llo complicou máis. Marín dispúxose como toureiro, pero terminou con desplantes na cara do animal, arrodillado, tirando os trastes... froito, quero pensar, da frustración e querer maquillar o imposible. 

Cambiando de terzo. Nunca é tarde se a dicha é boa, din. Pois a dicha foi este domingo para os picadores, que moi ao contrario do habitual, levaron aplaudidas intervencións. E noutro terzo xa, unha despedida, a de José Manuel López Sánchez, máxima autoridade en cada espectáculo. Presidente. Este festexo de peche de Feira da Peregrina foi a súa última tarde no balcón de presidencia, a resultas da súa xubilación como xefe da Policía Autonómica en Pontevedra.

FICHA DO FESTEXO. Feira Taurina da Peregrina. Domingo 13 de agosto do 2017. Praza de San Roque, derradeiro festexo do abono. Máis de media entrada para un cartel que merecía maior resposta.

GANADERIA SANTIAGO DOMECQ: Divisa azul e branca. Sinal brincada en ambalas dúas orellas. Finca gaditana. Procedencia actual Juan Pedro Domeq y Díez e Torrestrella.  1º Levantisco, negro mulato chorreado e bragado, cuatreño, 470 quilos. 2º Perturbador, negro mulato, cuatreño, 510 quilos. Devolto a currais.  3º Polvorón, negro mulato e bragado, cuatreño, 480 quilos. 4º Tedioso, jabonero, cuatreño de 540 quilos. Aplausos no arrastre. 5º Jaquetón, castaño, cuatreño, 505 quilos. 6º Botones, colorado, cuatreño, 515 quilos. Sobrero: Vareta, castaño claro, cuatreño e 485 quilos. Lidado en segundo lugar e aplaudido no arrastre.

JUAN DEL ÁLAMO: Debut en Pontevedra. Orella no primeiro e o orella no cuarto. Saída aos ombreiros pola porta grande.

ALVARO LORENZO: Silencio no segundo touro da tarde e silencio no quinto. Aplausos na saída.

GINÉS MARÍN: Debut en Pontevedra. Petición de orella con volta ao rodo no terceiro do festexo, e silencio no sexto. Aplausos na saída.