A conca do Lérez, en prealerta por "escaseza moderada" de auga

Pontevedra
08 de xullo 2026

Os expertos constataron un "notable descenso" no nivel de auga do río, sendo "moi acusada" a redución no último mes. Piden a concellos e particulares que adopten medidas

Río Lérez

Moito máis pronto que o ano pasado pero a situación, en todo caso, volve ser a mesma. Toda a conca do río Lérez entra de maneira oficial na situación de prealerta.

Así o acordou este mércores a oficina técnica da seca, coordinada por Augas de Galicia, tras apreciar no sistema pontevedrés unha "escaseza moderada" de auga.

Os técnicos tiveron en conta tantos datos meteorolóxicos de xuño e as previsións para xullo como a evolución dos caudais e outros indicadores de seca e escaseza.

Durante a reunión, os expertos constataron un "notable descenso" dos caudais circulantes no río Lérez, sendo "moi acusada" a redución no último mes.

Isto produciuse, fundamentalmente, por unha combinación de falta de precipitacións, salvo episodios de choiva puntuais en maio e xuño, e de elevadas temperaturas, o que incrementa a evaporación da auga.

Ademais, a oficina técnica da seca tamén valorou o aumento da poboación que se rexistra durante o verán nos concellos que dependen da auga do Lérez.

A todo iso sumáronse as previsións meteorolóxicas para xullo, que anticipan un inicio marcado polo tempo seco e unha segunda quincena sen cambios significativos pero na que poderían producirse tormentas locais.

Así, os municipios afectados por esta situación de prealerta son Barro, Bueu, O Campo Lameiro, Cerdedo Cotobade, A Estrada, Forcarei, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, Silleda e Vilaboa.

En todos eles, as autoridades recomendan á poboación realizar un uso o máis responsable posible da auga, evitando as actividades que máis consumo xeran, como o enchido de piscinas ou a rega con auga potable.

Augas de Galicia tamén pedirá aos concellos afectados pola prealerta que minimicen os consumos municipais de auga que non sexan esenciais como o baldeo de rúas, a rega de parques e xardíns ou as duchas de auga potable das praias.