Representantes da corporación municipal de Vilafranca del Penedés, Barcelona, compartiron este venres conversa e ideas co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías.
Até a cidade chegaron Pere Sábat, portavoz e concelleiro por ERC en Vilafranca, Maria Sardá e Gemma Urgell, tamén concelleiras.
Segundo informou o gabinete de comunicación do Concello de Pontevedra, "foi un encontro amable e informativo", no que Fernández Lores e Gulías trataron de achegar os principais elementos que definen a día de hoxe a cidade e o seu funcionamento, xunto coas diversas chaves que foron aplicadas na Boa Vila para mellorar a calidade de vida dos veciños: peonalización, restricións de velocidade, promoción dos composteiros, loita contra o cambio climático, etcétera.
"Agradecemos esta visita pois é como nos presta a nós que coñezan a cidade, véndoa con calma, paseando e gozando dela", explicou o rexedor.
"Estivemos falando do proceso de transformación da cidade na alcaldía, para logo proceder a realizar unha visita por Pontevedra. Tamén visitamos os composteiros comunitarios que era un tema polo que amosaron bastante interese, e agardamos poder aportar algunhas ideas de cara aos seus proxectos", dixo Lores.
O portavoz e concelleiro por ERC en Vilafranca del Penedés, Pere Sábat, agradeceu o trato ofrecido polo Concello de Pontevedra e sinalou o interesante que é "o proceso de transformación de Pontevedra entorno a mobilidade e ao urbanismo", crendo que "esa é a liña que debemos emprender todos para crear cidades máis amábeis e humanas, máis a pé, e gañar calidade de vida, facendo desa forma vilas nas que poidamos vivir. Non prestan esas cidades que só son usadas para durmir, queremos cidades nas que vivir todo o día".
O concelleiro catalán sinalou a importancia de que todos os aspectos conflúan nesta dirección: culturais, deportivos... e así xerar un modelo de cidade que "nos prestaría desenvolver en Vilafranca e para iso era imprescindible coñecer de ti a ti o modelo levado a cabo en Pontevedra".