Os servizos urbanísticos municipais recibiron este martes a solicitude de licenza para a segunda fase das escavacións previas á reforma de Santa Clara.
Así o avanzou o edil responsable da área de urbanismo, Alberto Oubiña, que indicou que o Concello deu orde de que a súa tramitación sexa "prioritaria".
Tras a entrega da documentación por parte da Deputación de Pontevedra, os técnicos da administración local, segundo Oubiña, "xa a están revisando".
O obxectivo é poder conceder a licenza para esta actuación "canto antes".
O concelleiro pontevedrés celebrou que este sexa un "chanzo máis" para volver abrir os xardíns de Santa Clara á cidadanía e rehabilitar os seus edificios.
"Non é a licenza definitiva", apuntou Alberto Oubiña, xa que lembrou que estas escavacións son obrigatorias para executar a actuación prevista neste complexo.
Aínda que o Concello ten tres meses de prazo para emitir o seu ditame sobre esta licenza, Oubiña estima que "seguramente" non tardarán máis dun mes.
Todo se poderá acelerar máis porque, entre outros requirimentos, esta segunda fase de escavacións previas xa ten o visto bo de Patrimonio.