Concello e AJE colaboran na posta en marcha dun Espazo de Innovación Alimentaria de Marín

Marín
08 de agosto 2020

A iniciativa pretende crear oportunidade de negocio e novas ideas empresariais no ámbito alimentario

Casa consistorial do Concello de Marín
Casa consistorial do Concello de Marín / Concello de Marín

Fomentar a actividade económica en e do municipio é o obxectivo co que o Concello de Marín e a Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra están a colaborar a través do Espazo de Innovación Alimentaria de Marín que se situará no Parque Azul.

Un emprazamento no que se promocionarán empresas do sector alimentario e de produtos locais; ofreceranse demostracións de produtos innovadores; actividades que poidan expor os proxectos empresariais participantes; servirá de espazo formativo especializado no sector da alimentación e contribuirá a crear, impulsar ou consolidar empresas.

Este espazo, cuxa posta en marcha correrá a cargo do Concello e xestionará a AJE, distribuirase nun recinto con aula gastronómica e showcooking de 85 metros cadrados; tres despachos independentes, sala de reunións, baños equipados e outros espazos de usos múltiples.

As iniciativas que queiran participar ou asesorarse en emprendemento neste Espazo de Innovación han de cumprir unha serie de requisitos que pasan por ser empresas de nova creación ou que teñan menos de dous anos e terán prioridade aquelas que teñan o seu domicilio social en Marín. As solicitudes presentaranse na sede da AJE na rúa Herreros de Pontevedra antes do 15 de setembro.