Concello e Mancomunidade de Montes, da man para coidar, ordenar e explotar o monte pontevedrés

Pontevedra
06 de febreiro 2015

Case o 25% do territorio do Concello de Pontevedra, unhas 2.600 hectáreas, é monte comunal. Esa cifra é, segundo o goberno municipal, suficientemente significativa como para ver a importancia que ten o coidado e mantemento de todas estas áreas, presentes nas quince parroquias do rural. Nesa liña móvese o convenio marco que se asinou este coa Mancomunidade de Montes de Pontevedra

Xuntanza entre o alcalde de Pontevedra e a Mancomunidade de Montes de Pontevedra Mónica Patxot

Case o 25% do territorio do Concello de Pontevedra, unhas 2.600 hectáreas, é monte comunal. Esa cifra é, segundo o goberno municipal, suficientemente significativa como para ver a importancia que ten o coidado e mantemento de todas estas áreas, presentes nas quince parroquias do rural. Nesa liña móvese o convenio marco que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, asinou este venres coa Mancomunidade de Montes de Pontevedra.

Fernández Lores destacou o compromiso que o Concello de Pontevedra tivo sempre cos montes do municipio, especialmente a través do Plan Monte Vivo co que se plantaron -dende 2006- máis de 400.000 árbores de especies autóctonas. Explicou que se trata de áreas que "nos dan moitas cousas", porque ademais da recollida produtiva da madeira e outros elementos, serve como zona de esparexemento para os cidadáns.

Este convenio marco, que non está cuantificado e que terá continuidade con acordos e plans específicos para cada actuación formulada, busca afianzar a mancomunidade como un órgano de referencia para a xestión do monte, mellorar o seu aproveitamento económico para convertelo nunha fonte de riqueza, traballar na conservación e recuperación do patrimonio natural ou mellorar a calidade de vida das persoas que habitan no rural.

Neste sentido, ambas as dúas partes mostran o seu compromiso por ordenar e manter unha rede de sendeiros e áreas recreativas que permita a calquera persoa acceder a estas zonas. Con isto, o goberno municipal busca "adaptar o modelo peonil" ás parroquias do rural e habilitar sendas que faciliten os desprazamentos a pé e a creación de novos espazos de convivencia, así como a súa explotación como recurso turístico.

Todo iso estará complementado con varios plans que, entre outras cuestións, buscan protexer ao monte de posibles agresións, como verteduras incontroladas ou incendios forestais.

O presidente da mancomunidade, Juan José González Crespo, destacou que o Concello de Pontevedra é o "único de Galicia" que traballa man a man coas comunidades de montes para que "todos poidan gozar do noso monte" e afirmou que a política emprendida en colaboración co goberno municipal recollen actuacións necesarias para que " ou monte non morra" e un paso para que estas comunidades se abran á sociedade.

PLANTA DE COMPOSTAXE

Aínda que a planta de compostaxe da Canicouva non forma parte deste convenio, este proxecto estivo presente na comparecencia de prensa. Xa dende que o concelleiro responsable da área de Montes, Demetrio Gómez Junquera, citase que unha das liñas nas que deben traballar as comunidades de montes e o Concello de Pontevedra nun plan de aproveitamento da biomasa e estruturantes para o devandito complexo.

Pero foi a preguntas dos xornalistas cando o presidente da mancomunidade, Juan José González Crespo, recordou que este colectivo consensuou unha declaración na que aseguraban que o monte "non é un lugar axeitado" para unha planta destas características e que preferían un polígono industrial. Iso si, explicou que "quedou claro" que non se posicionará contra un acordo legal adoptado por unha das comunidades.

A título persoal, como presidente dos comuneiros de Santa María de Xeve, González Crespo quixo desvelar que a súa comunidade tamén estudou presentar unha proposta "pero non puido ser porque non temos un terreo axeitado", aclarando que se o tivesen "posiblemente estivera alí". Ademais, mostrouse partidario de que as comunidades de montes "fagan algún tipo de acordo" con respecto ao uso dos restos do monte como biomasa para a planta.

Ademais, defendeu a decisión tomada pola Canicouva pedindo "respecto" aos que os están "criminalizando". Recordou que a oferta foi aceptada por unha asemblea "legalmente constituída" e que asinaron o acordo "coa información necesaria". Insistiu en que a decisión adoptada "con sentidiño", aínda que si reclamou que esa transparencia sexa compartida co resto dos colectivos que se sintan afectados.