Pontevedra inicia os preparativos do parque forestal da Fracha

Pontevedra
10 de agosto 2015

A xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou este luns o anteproxecto do parque forestal da Fracha, unha iniciativa que persegue dotar ao municipio dun novo parque periurbano chamado a "xogar un papel fundamental na mellora da calidade de vida dos cidadáns", segundo destacou o voceiro do goberno local, Raimundo González

Vista do rural pontevedrés desde o monte da Fracha
Vista do rural pontevedrés desde o monte da Fracha / Concello de Pontevedra

A xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou este luns o anteproxecto do parque forestal da Fracha, unha iniciativa que persegue dotar ao municipio dun novo parque periurbano chamado a "xogar un papel fundamental na mellora da calidade de vida dos cidadáns", segundo destacou o voceiro do goberno local, Raimundo González.

Xa transcorreron dous anos dende que se inaugurou o parque do Pontillón de Castro, o primeiro parque forestal de Pontevedra, que construíu o Concello dentro do programa Monte Vivo. Agora trabállase no segundo parque en Gatomorto en Xeve coa idea de construír unha piscina natural aproveitando o paso do río como principal atractivo, e este luns deuse luz verde ao da serra da Fracha.

O anteproxecto contará cunha memoria e recollerá todas as cuestións relativas á tramitación administrativa desta iniciativa, como é o seu encaixe no plan xeral ou os permisos de Medio Ambiente e Medio Rural.

Ademais incluirá propostas de habilitación de sendeiros e instalación de mobiliario, xogos infantís, rutas para a práctica deportiva de bicicleta de montaña.

En total son 250 hectáreas nas parroquias de Marcón, Tomeza, Canicouva e Ponte Sampaio; as que englobaría este parque forestal, lindando cos municipios de Vilaboa e Ponte Caldelas.

Durante os próximos seis meses traballarase neste anteproxecto coa implicación das comunidades de montes afectadas, xunto á participación de colectivos ecoloxistas ou clubs deportivos, entre outros "para que teña garantía de futuro", sinalou Raimundo González.