Concello e Xunta colaboran para reformar e mellorar a visibilidade do miradoiro da Fronteira, en Raxó

Poio
26 de xullo 2023

O alcalde Ángel Moldes visitou a zona este mércores acompañado polo xefe do servizo provincial Manuel Ángel González Juanatey

Visita as obras do miradoiro da Fronteira, en Raxó Concello de Poio

Concello de Poio e Xunta de Galicia colaboran para reformar o Miradoiro da Fronteira, en Raxó. O alcalde Ángel Moldes explica que hai un mes a caída dunha árbore provocou a rotura da estrutura do miradoiro, e por iso o novo goberno propuxo á Xunta de Galicia facer unha actuación conxunta para substituír a varanda, mellorar a visibilidade e abrir o miradoiro ao mar, converténdoo nun atractivo máis do concello.

Ángel Moldes e o xefe do servizo provincial, Manuel Ángel González Juanatey, visitaron traballos de reposición que comezaron esta mañá. Moldes agradeceu a colaboración do Goberno galego, e explicou que “queremos dárlle máis visibilidade a este miradoiro, na PO-308 e polo que cada día pasan máis de 20 mil vehículos diarios, converténdoo nun novo referente para poñer en valor a nosa ría e a paisaxe, en definitiva, que sexa un lugar desde o que disfrutar da nosa costa, un miradoiro cunha paisaxe espectacular cara a ría, cara a Tambo e cara as bateas”.

A través desta colaboración, a Xunta de Galicia, a través do Servizo de Infraestruturas da delegación provincial, ocúpase da man de obra, mentres que o Concello de Poio aporta o material. O alcalde explica que esta actuación foi consensuada cos colectivos de Raxó, tanto coa asociación de veciños como coa sociedade cultural e deportiva. “Estamos moi satisfeitos”, engade, e sinala que “é unha oportunidade, porque o Concello de Poio vai aproveitar a barandilla de pedra que estaba na zona de Siorto, limpala, recuperala e colocala no miradoiro en Raxó”.