"Paso crucial" para crear a gran zona verde prevista entre Ernesto Caballero e José Malvar

Pontevedra
20 de novembro 2025

O goberno local activa o proxecto para un gran espazo verde nunha área estratéxica da cidade. Pontevedra reserva máis de 3,3 millóns para impulsar este novo pulmón urbano

Miguel Anxo Fernández Lores sinala os terreos do novo parque urbano
Miguel Anxo Fernández Lores sinala os terreos do novo parque urbano / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra aprobou este xoves en Xunta de Goberno o inicio da elaboración do proxecto e o proceso de adquisición de terreos para unha nova zona verde situada entre Ernesto Caballero e as vías do tren paralelas a José Malvar.

A iniciativa entra agora en fase de tramitación administrativa.

Segundo explicou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o proxecto nace coa intención de mellorar a calidade de vida e ampliar os espazos de estancia nunha área estratéxica da cidade.

Para iso, o Concello conta xa cunha retención de crédito de 3.313.215 euros, unha reserva económica que garante o impulso da actuación.

O investimento estrutúrase en dous bloques principais. Por unha banda está a adquisición e expropiación de parcelas, cun orzamento estimado en 2.188.644 euros que permitirá ao Concello facerse cos terreos necesarios.

En total son doce parcelas, con superficies que van dos 184 aos 2.600 metros cadrados. A intención municipal é pechar acordos amigables cos propietarios, aínda que se contempla a expropiación se non hai entendemento.

Por outra banda está a elaboración do proxecto e urbanización para a que o Goberno local conta con 1.124.570 euros para redactar o deseño definitivo e a transformar a zona nun espazo verde accesible e agradable para o uso público.

"Estamos a dar un paso crucial para garantir que a nosa cidade siga medrando en espazos verdes e en calidade urbana", manifestou o alcalde en rolda de prensa.

Lores celebrou que este proxecto, "longamente agardado e demandado", entra "por fin" en fase de execución administrativa.

O alcalde tamén destacou que o investimento está asegurado tanto para a compra dos terreos como para a súa futura urbanización.

Lembrou que esta actuación foi un dos compromisos que os socialistas adquiriron ao final do pasado mandato, cando gobernaban en coalición cos nacionalistas. 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora