O Concello de Poio convoca á veciñanza para presentar o proxecto da Barca e xa reparte o calendario do 2025

Poio
11 de decembro 2024
Actualizado: 8:49

A reunión informativa será o próximo mércores, 18 de decembro, ás 19.30 horas, e nela os técnicos explicarán aos asistentes o proxecto da PO-308, entre a Barca e o Casal de Ferreirós

Raxó, imaxe do calendario do Concello de Poio
Raxó, imaxe do calendario do Concello de Poio / Concello de Poio

O Concello de Poio convoca á veciñanza de San Salvador a unha reunión informativa o próximo mércores, 18 de decembro, ás 19.30 horas, na que os técnicos explicarán aos asistentes o proxecto da PO-308, entre a Barca e o Casal de Ferreirós.

O obxectivo é que todas as persoas interesadas e que residen neste lugar coñezan polo miúdo un proxecto que vai transformar unha das entradas ao municipio.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, destacou que "é fundamental que coñezan o proxecto e que poidan atopar resposta a todas as dúbidas que poidan xurdir".

Esta é a primeira fase dun proxecto que continuará ata Casa Solla e que supera, en conxunto, os 4 millóns de euros. A humanización entre A Barca e o Casal de Ferreirós licitarase na primeira metade de 2025 e a previsión é que as obras comecen a executarse ese mesmo ano.

CALENDARIO

Por outra banda, o Concello de Poio xa comezou a repartir entre a veciñanza e os negocios locais o calendario de escritorio para o ano 2025.

Como o ano pasado, nesta ocasión volve contar coas ilustracións de Carracuca, para dar protagonismo aos Muíños da Freixa, en San Xoán, no primeiro semestre do ano, e á fronte costeira de Raxó, no segundo.

Dá así continuidade a unha iniciativa que comezou neste 2024, que contou coas ilustracións do Pazo Besada e da Casa Consistorial.

A idea, segundo indican, é ir percorrendo cada ano dous lugares emblemáticos do municipio para que protagonicen o calendario.