O Concello e Prezero impulsan a web con toda a información sobre o plan de tratamento de residuos

Pontevedra
01 de maio 2026

A web permite realizar trámites en liña, como a solicitude de composteiros individuais, e facilita información de contacto para a pedir a recollida de residuos voluminosos

Campaña: O novo é separar
Campaña: O novo é separar / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra e Prezero impulsan a web www.residuos.pontevedra.gal con toda a información sobre o plan de tratamento de residuos na cidade

Trátase dun espazo en continuo crecemento, completamente accesible e adaptado ás necesidades da cidadanía. Ofrece información completa sobre o servizo que PreZero realiza na cidade, así como todas as novidades do plan para a separación e reciclaxe de residuos.

A web permite realizar trámites en liña, como a solicitude de composteiros individuais para as vivendas unifamiliares, e facilita información de contacto para a pedir a recollida de residuos voluminosos.

Mapa dos puntos de reciclaxe
Mapa dos puntos de reciclaxe   Concello de Pontevedra

O espazo web está deseñado para presentar os contidos de maneira clara e directa. Dispón dunha estrutura sinxela e intuitiva, para facilitar a consulta da información sobre o sistema de recollida selectiva; a xestión e reciclaxe dos residuos; a compostaxe dos biorresiduos e recomendacións sobre as boas prácticas ambientais para seguir coidando o medio ambiente e a limpeza da cidade.

A web completa a información coas novidades que trae o novo contrato de residuos e que xa vemos nas rúas, como a renovación dos contedores. Explica de maneira clara o modelo de xestión, separación e tratamento dos residuos que PreZero realiza en Pontevedra e todas as melloras que o novo contrato aporta en canto a equipamento, servizos e vehículos, entre outros aspectos.

O novo é separar

Un dos apartados máis destacados é o dedicado á separación de residuos e a reciclaxe, no que se explica en detalle as características e usos dos novos contedores xa despregados na cidade e nas parroquias. Ademais, permite a descarga dunha guía sobre a separación dos residuos, para facer un uso correcto destes contedores. Completa a información co mapa das localizacións de contedores especiais, como os destinados aos aceites de uso doméstico ou as pilas.

Guía da separación
Guía da separación    Concello de Pontevedra

A compostaxe en Pontevedra, cidade pioneira

A compostaxe é unha das iniciativas máis destacadas do novo modelo de xestión de residuos de Pontevedra e na web dispón dun espazo destacado. Nel ofrécese toda a información sobre os usos do compost, as características da compostaxe individual e comunitaria, así como o formulario para solicitar a entrega dos composteiros individuais posto que, segundo a lexislación vixente, a compostaxe é obrigatoria para as vivendas cun pequeno terreo.

Compostaxe
Compostaxe  Concello de Pontevedra

Voluminosos e punto limpo

A retirada de residuos voluminosos das vivendas é un tema de consulta frecuente entre a veciñanza de Pontevedra. Para solventar estas dúbidas, na web ofrécese información detallada sobre este servizo especial, así como o horario e teléfono de contacto deste punto. Persoal de PreZero atenderá todas estas solicitudes.

Voluminosos e Punto Limpo
Voluminosos e Punto Limpo    Concello de Pontevedra

Campañas e educación ambiental

A web irase completando con contidos máis dinámicos orientados á sensibilización cidadá, como as campañas informativas sobre os programas de xestión de recursos; materiais audiovisuais sobre compostaxe; guías prácticas sobre a separación de residuos, así como información puntual e actualizada sobre os posibles cambios no servizo.

Modelo novo
Un modelo novo   Concello de Pontevedra

En conxunto, www.residuos.pontevedra.gal constitúe un recurso dixital que combina información práctica, educación ambiental e acceso aos servizos municipais. Grazas á súa estrutura clara e con contidos útiles, facilita a participación da cidadanía no plan de xestión de residuos, converténdo a Pontevedra -unha vez máis- nun modelo pioneiro, eficiente e responsable.