O Concello solicitará á Xunta novas medidas de seguridade viaria na PO-551 ao seu paso por Seixo

Marín
24 de setembro 2025

Os concelleiros Novas e Estévez e o xefe da Policía Local reuníronse con Acemas para abordar esta cuestión despois do accidente do domingo

Reunión con representantes de Acemas
Reunión con representantes de Acemas / Concello de Marín

Tras o grave accidente rexistrado o pasado domingo, no que unha muller resultou ferida de gravidade tras ser atropelada por unha motocicleta, o Concello de Marín solicitará á Consellería de Infraestruturas da Xunta novas actuacións para reforzar a seguridade viaria na estrada PO-551, ao seu paso pola parroquia de Seixo.

Os concelleiros Pablo Novas e Francisco Estévez, xunto co xefe da Policía Local, Benigno Blanco, mantiveron este mércores unha reunión con representantes da Asociación de Comerciantes de Marín Sur (ACEMAS), na que tamén participou o seu presidente, Manuel Solla. O encontro serviu para analizar a situación da estrada e as demandas da veciñanza, especialmente preocupada polo exceso de velocidade dos vehículos nunha zona cun elevado tránsito peonil.

Durante a reunión, os responsables municipais informaron de que xa se solicitou a cesión dun radar móbil, que agardan recibir nas vindeiras semanas, co obxectivo de controlar a velocidade non só en Seixo, senón tamén noutras zonas do municipio con problemas similares.

Ademais desta medida, o Concello solicitará á Xunta a instalación de elementos físicos para o calmado do tráfico, como badenes en pasos de peóns estratéxicos, así como a redución do límite de velocidade a 30 km/h no tramo comprendido entre San Blas e a baixada a Loira.

O concelleiro de Mobilidade, Francisco Estévez, sinalou que, malia que a estrada se atopa en bo estado e está correctamente sinalizada, é evidente que moitos condutores non respectan os límites establecidos, polo que "trataremos de acometer máis medidas porque está claro que se trata dun punto onde non se respecta a velocidade máxima", dixo.

Desde ACEMAS trasladouse tamén a proposta de instalar un semáforo que se active en vermello ao detectar vehículos a velocidade excesiva, aínda que os técnicos municipais lembran que unha medida similar xa foi implantada no cruce cara Santomé sen éxito debido a fallos no seu funcionamento.

Por outra banda, o Concello recolleu as achegas da veciñanza a través dun informe presentado a través da sede electrónica, que foi analizado tanto pola Policía Local como polos responsables políticos.

Finalmente, Estévez informou de que continúa en tramitación unha solicitude realizada pola empresa Monbus para habilitar unha nova parada de autobús á altura de Abanca, fronte á farmacia, co obxectivo de mellorar a visibilidade e reducir a conxestión viaria que se produce na zona cando os vehículos realizan as paradas actuais.