O Concello de Soutomaior incorporou seis novas persoas ao servizo municipal de vías e obras, reforzando así o equipo encargado do mantemento e limpeza dos espazos públicos. O alcalde, Manu Lourenzo, deulles a benvida no consistorio.
As incorporacións inclúen un albanel, un varredor e catro peóns forestais, que se suman á cuadrilla municipal.
Estas contratacións realízanse ao abeiro do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, dentro da liña 3 de activación do emprego.
Segundo informa o goberno local, o proceso desenvolveuse en condicións de transparencia e igualdade de oportunidades.
Entre os meses de marzo e maio, o Concello incorporou preto dunha vintena de persoas ao seu cadro de persoal para tarefas de mantemento viario e limpeza de rúas.
A este reforzo sumarase no mes de xullo a chegada de tres novos peóns forestais a través do programa autonómico Galicia Suma Talento Rural.
Con estas incorporacións, Soutomaior disporá dunha das maiores cuadrillas de mantemento das que dispuxo ata o momento, co obxectivo de mellorar a conservación dos camiños e avanzar nun plan de actuación por barrios para o control da maleza e o acondicionamento das estradas municipais.
O alcalde destacou que o incremento de persoal permitirá ampliar a capacidade de intervención, aínda que recoñeceu que non será posible actuar en todos os puntos ao mesmo tempo.
Neste sentido, pediu comprensión á veciñanza e subliñou que o Concello traballa para atender progresivamente todas as zonas do municipio, condicionados tamén polas condicións meteorolóxicas.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.