O Concello urxe á Xunta que ordene a Ence parar a captación de auga dun Lérez baixo mínimos

Pontevedra
06 de agosto 2025
Actualizado: 18:29

O caudal do río sitúase por debaixo do mínimo ecolóxico mentres a previsión meteorolóxica non anuncia choivas para os próximos 15 días

Bosque de ribeira nas marxes do río Lérez
Bosque de ribeira nas marxes do río Lérez / Concello de Pontevedra

O goberno local do Concello de Pontevedra amosa a súa preocupación pola escaseza de auga debido á crítica situación do río Lérez, fonte principal de abastecemento para a cidade e varios concellos limítrofes.

O concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, confirmou este mércores 6 de agosto que o caudal do río rexistrou nos últimos dous días valores por debaixo do mínimo ecolóxico establecido pola Xunta de Galicia, situándose entre os tres máis baixos dos últimos quince anos.

"O caudal máximo de onte foi de 1,49 metros cúbicos por segundo, cando o ecolóxico está fixado en 1,516", explicou Moreda, quen engadiu que as previsións meteorolóxicas, que non anuncian precipitacións para as próximas dúas semanas, agravan a situación.

Ante este escenario, o Concello solicitará á Xunta de Galicia que "tome as medidas necesarias ante tan preocupante situación", entre as que destaca a petición de que ordene á empresa Ence parar a captación de auga do Lérez

"Unha captación industrial é incompatible co abastecemento de auga para a poboación", subliñou o concelleiro.

Moreda tamén fixo un chamamento aos municipios da contorna que se abastecen do sistema de Pontevedra para que adopten medidas de aforro, xa que algúns incrementaron notablemente o seu consumo respecto a 2022, ano onde se producía unha crise de caudal similar.

Segundo os datos aportados, Sanxenxo consume actualmente 8.056 metros cúbicos diarios (1.870 máis que en 2022), Marín 7.181, Poio 4.657, Bueu 4.480 (907 máis que en 2022) e Ponte Caldelas 447, mentres que Pontevedra mantén un consumo estable de 15.272 metros cúbicos diarios.

O concelleiro lembrou que xa na pasada semana, a Xunta de Goberno local aprobou recomendacións para o uso racional da auga por parte da cidadanía, e confirmou que se procederá ao peche das fontes ornamentais cando descenda a temperatura desta vaga de calor.

Como dato tranquilizador, apuntou que o Pontillón do Castro, reserva complementaria, atópase ao 94,7% da súa capacidade, o que permitiría, "cun consumo responsable", abastecer á poboación durante aproximadamente un mes.

Moreda lamentou as declaracións de Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, quen este martes tras unha reunión con Ence afirmou que "non había problemas de abastecemento de auga".

O edil lembrou que a situación actual é similar ou incluso peor á vivida en 2022, cando Ence tivo que pechar a súa captación de auga do río. "Os encoros poden estar cheos, pero o abastecemento de Pontevedra vai por outra liña, é unha captación directa do río", confirmou Moreda.

Xaquín Moreda, concelleiro de Servizos Urbanos Básicos
Xaquín Moreda, concelleiro de Servizos Urbanos BásicosConcello de Pontevedra