Os concellos organízanse en apoio aos afectados pola DANA

Arousa
02 de novembro 2024
Actualizado: 23:06

Partiron cara a Valencia os voluntarios de Protección Civil de Vilagarcía para sumarse aos equipos que traballan na zona cero da DANA. Tamén en Ponte Caldelas organizan un envío de axuda

Vehículos amontoados nunha rúa tras a DANA
Vehículos amontoados nunha rúa tras a DANA / EFE/Biel Aliño

Este sábado chegarán a Valencia os voluntarios de Protección Civil de Vilagarcía para sumarse aos equipos que traballan na zona cero da DANA. O seu propósito é achegar o seu traballo e experiencia nos labores de rescate.

Este dispositivo, formado por 6 profesionais do servizo local de Emerxencias co xefe, Francisco Javier Busto, ao mando, partiu na noite do venres cara ao Concello de Moncada. Aloxaranse nun pavillón de deportes e levarán comida e bebida posto que teñen que ser totalmente autónomos neste aspecto.

Levan dous coches, 1 quad, bombas de achique, xeradores de electricidade, equipos de excarceración e iluminación e "toda a solidariedade e o agarimo da nosa cidade viaxan co persoal de Emerxencias de Vilagarcía, co desexo e a esperanza de saír xuntos desta traxedia", expresou o alcalde, Alberto Varela que acudiu onte á noite até a base de Agustín Romero, acompañado da concelleira de Seguridade Cidadá.

Voluntarios de Protección Civil de Vilagarcía que viaxaron a Valencia

Voluntarios de Protección Civil de Vilagarcía que viaxaron a Valencia

Trátase dun exemplo máis da solidariedade arousá, que tamén chea camións de produtos básicos.

Tamén en Ponte Caldelas están a organizar un envío de axuda. Segundo informou o alcalde, Andrés Díaz, o luns parten cara a Valencia uns veciños con amigos nas zonas afectadas cun furgón alugado con auga potable e conservas. O Concello colabora pagando o aluguer do vehículo e achegando varios palets de alimentos.

"En Ponte Caldelas somos solidarios e sabemos moi ben o que é sufrir danos por inundacións. Estamos impactados polo que está a ocorrer en Valencia. Por iso queremos axudar", manifestou o alcalde.

Furgón alquilado para viajar a Valencia

Furgón alugadado para viaxar a Valencia

Durante este venres miles de veciños de localidades próximas dirixíronse até as poboacións afectadas de l'Horta Sud para axudar na medida do posible aos afectados de La Torre, Benetússer, Massanassa, Paiporta, Picanya, Alfafar, Sedaví, Catarroja ou Forn d'Alcedo.

As autoridades están preocupadas polo feito de que estas mareas de voluntarios interfiran os labores dos equipos de emerxencia. Pídese que non se despracen en coche para non entorpecer o paso aos vehículos de emerxencias.

Habilitáronse puntos de organización de voluntarios. Así, segundo informou a Generalitat, a Plataforma do Voluntariado estableceu un centro de organización de grupos de traballo na Cidade das Artes e as Ciencias, pondo a disposición autobuses.

Despois de reunirse coa Delegación do Goberno en Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), dirixiu aos concellos e deputacións instrucións sobre como proceder para colaborar cos damnificados.

Segundo informou nun comunicado, no caso de que as administracións locais estean a recoller materiais e alimentos básicos, poden contactar directamente coa Federación Valenciana de Municipios e Provincias (FVMP) a través da conta de correo [email protected].

Seguindo as súas indicacións, o que máis se necesita é auga, leite, fiambres, pan de molde, latas de atún, materiais de limpeza persoal e doméstica, cueiros e compresas.

Tamén poden porse en contacto coa Delegación do Goberno en Galicia a través do correo [email protected]para organizar recollidas e envíos.

Os concellos e deputacións que poidan achegar apoio de bombeiros, servizos de rescate e de protección civil deben contactar cos servizos de emerxencia da Generalitat Valenciana. Para achegas económicas, desde a Federación Española de Municipios e Provincia (FEMP) está a xestionar a apertura dunha conta bancaria unicamente dirixida para este labor.