Concentración contra a violencia machista na Subdelegación do Goberno

Pontevedra
23 de xullo 2019

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, denuncia que no que vai de ano 34 mulleres foron asasinadas e lamenta que aínda haxa sectores da sociedade que neguen "esta triste realidade"

Concentración polo crime machista de Vilalba ante a Subdelegación do Goberno de Pontevedra
Concentración polo crime machista de Vilalba ante a Subdelegación do Goberno de Pontevedra / PontevedraViva

Os traballadores da Subdelegación do Goberno en Pontevedra realizaron na mañá deste martes un minuto de silencio en sinal de repulsa polo crime machista que tivo lugar o domingo.

"Temos que estar hoxe aquí para denunciar que unha muller máis foi asasinada pola violencia machista en Vilalba", declarou a subdelegada Maica Larriba ao rematar un acto que se realizou de forma simultánea no resto de subdelegacións de Galicia e na Delegación do Goberno da Coruña.

María del Carmen Vázquez, de 47 anos e natural da localidade lucenese de Vilalba, foi asasinada o pasado domingo a coiteladas pola seu ex marido, do que estaba en trámites de separación e sobre o que pesaba unha orde de afastamento. "No que vai de ano son 34 as mulleres asasinadas en toda España. En Galicia, levamos dous", condenou Larriba, quen lembrou que desde o 2015 houbo 15 vítimas mortais na provincia.

"Non é unha cuestión de políticas, é conciencia cidadá e lamentamos que aínda haxa sectores que neguen esta triste realidade", criticou a mandataria socialista ao mesmo tempo que mostraba o seu firme compromiso de "seguir loitando contra esta lacra a través de todos os medios que estean a nosa disposicion".