Concentración contra o asasinato machista da viguesa María José Rodrigues

Pontevedra
31 de outubro 2015
Actualizado: 01 de novembro

Medio cento de persoas concentráronse ante a Audiencia Provincial este sábado 31 para lembrar á muller de 71 anos, sexta vítima da violencia machista en Galicia durante este 2015

Concentración convocada pola Plataforma Feminista Galega pola sexta vítima da violencia machista en Galicia
Concentración convocada pola Plataforma Feminista Galega pola sexta vítima da violencia machista en Galicia / PontevedraViva

A Plataforma Feminista Galega en Pontevedra reuniu máis de medio centenar de persoas ante a Audiencia Provincial durante a noite deste sábado 31 para manifestar a súa repulsa ao último asasinato machista, o rexistrado en Vigo e que terminou coa vida de María José Rodrigues de 71 anos de idade.

As integrantes do colectivo foron nomeando a todas as vítimas de violencia de xénero durante este ano e depositando cartolinas nas que se podía ler "Estannos matando" e "Violencia Machista, cuestión de Estado", ademais de folios de cor violeta cos nomes de cada unha das mulleres asasinadas.

A portavoz da plataforma destacou os seis crimes que levan rexistrados en Galicia durante este 2015. Na concentración estiveron presentes a concelleira do BNG, Pilar Comesaña, o portavoz do grupo municipal socialista, Agustín Fernández e varios integrantes de Marea Pontevedra.

O acto de recordo finalizou coa reclamación de máis recursos das administracións públicas para facer fronte a esta grave problemática e sinalando que ningún asasinato é apaixonado. 

PANCARTA EN MARÍN

O Concello de Marín colgou tamén unha pancarta reivindicativa en el edificio municipal como recordo ás vítimas de violencia de xénero. A Mesa contra a violencia, o Consello da Muller, o CIM e o Pleno da Corporación acordaron ter este lema exposto durante todo o mes de novembro para sensibilizar os cidadáns contra esta lacra social.