O sindicato CIG concentrábase na mañá deste mércores fronte á Subdelegación do Goberno en Pontevedra para manifestar o seu rexeitamento ao pacto da reforma das pensións subscrito polo Goberno central, os sindicatos estatais e as organizacións patronais. Desde a CIG denúnciase que este pacto suporá un empobrecemento xeneralizado das contías.
Estas protestas celebráronse simultaneamente nas sete cidades galegas e con elas a central sindical dá continuidade ás mobilizacións que vén desenvolvendo dende hai meses, a través do colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG, na defensa dun sistema público forte e dunhas pensións dignas e garantidas.
A CIG manifesta que rexeita "tanto as formas como o fondo dun acordo que non reforza o sistema público e que mantén a ampliación da idade de xubilación e do período de cálculo, así como a supresión na práctica da modalidade de xubilación parcial". O secretario xeral, Paulo Carril, que participaba na concentración da Coruña, denunciou que esta reforma non só resulta insuficiente, senón que mesmo é regresiva, ao manter en vigor na súa integridade á "brutal reforma de 2011", que tamén contou co aval de CCOO e UGT.
Esta reforma, lembrou, supuxo atrasar de maneira progresiva a idade de xubilación ata os 67 anos e ampliar o período de cálculo das pensións, que pasou dos 15 aos 25 anos, limitando ademais o acceso á xubilación parcial. Con estas medidas o que se buscaba era provocar unha importante caída nas contías das pensións que neste tempo ten acadado arredor dun 25%, explica Carril.
A este respecto, advertiu que a reforma pactada neste 2021 afondará neste empobrecemento das prestacións, sendo especialmente levisa para Galiza, que ten as segundas pensións máis baixas de todo o Estado. "A pensión media galega está nos 878€, moi lonxe da pensión media do Estado, situada nos 1.032€, polo que con este acordo se está consolidado esta diferenza", engadía o secretario xeral da CIG. Ademais, advirte de qie se fala de ampliar o período de cálculo aos 35 anos "co cal as contías que van percibir as galegas e galegos serán ainda máis baixas".