Concentración da Plataforma SOS Sanidade Pública ao berro de: "Os recortes matan"

Pontevedra
25 de xuño 2020

Os convocantes entenden que a crise sanitaria derivada do espallamento da Covid-19 non se atopa superada e reclaman que se recupere a actividade ordinaria nos centros hospitalarios. tamén alertan á Consellería de Sanidade da necesidade de que se prepare ante posibles repuntas

A Plataforma SOS Sanidade Pública denuncia a privatización dos servizos hospitalarios en Galicia /

Integrantes da Plataforma SOS Sanidade Pública de Pontevedra, formada por representantes de asociacións veciñais, partidos políticos e centrais sindicais, concentrábanse este xoves ás 20.30 horas na entrada e na praza do Hospital Provincial en contra das políticas de privatización, que ao seu entender está a levar a cabo a Xunta de Galicia.

Os asistentes portando máscaras de protección berraban "Non á privatización", "Viva a Sanidade Pública" ou tamén "Os recortes matan". O médico Manuel Martín foi o encargado de ler un manifesto denunciando o desmantelamento do sistema de saúde pública en Galicia. Alerta de que o goberno de Alberto Núñez Feijóo na Xunta leva desde 2009 recortando persoal, camas e limitando os recursos da Atención Primaria.

Estas carencias, segundo expuxo, provocaron que Galicia estivera nunha situación de perigo durante os momentos máis difíciles do espallamento da Covid-19. E sinalou que a poboación dispersa e a non utilización dun transporte masificado na comunidade autónoma foron as causas de que se evitasen máis mortes. Neste sentido, criticou que Núñez Feijóo presuma de investimentos no sistema sanitario público e acusouno de mentir.

Para Martín, o goberno do PP favoreceu a hospitais privados do mesmo xeito que a residencias de maiores que pertencen a fondos voitre, a multinacionais ou a organizacións relacionadas coa Igrexa. O médico de Atención Primaria tamén alertaba que máis da metade das persoas maiores falecidas atopábanse neste tipo de residencias, nas que se incumpriron protocolos de atención.

Desde a Plataforma SOS  Sanidade Pública denuncian que o proxecto do Hospital Gran Montecelo só contemple un 10% de camas máis que o actual centro hospitalario e que só se contemple un novo quirófano mentres se reducen outros servizos, coa intención de que os pacientes sexan derivados a hospitais privados.

Juan Manuel Loureiro, portavoz da Plataforma, pediu un aplauso para os traballadores do servizo de mantemento, un dos departamentos que o SERGAS quere privatizar de contado, segundo os convocantes.