Concentración de funcionarios de xustiza para apoiar a persoal expedientado

Pontevedra
30 de maio 2018

Os sindicatos AXG-CUT, CIG e STAJ leva a cabo actos de protesta ao longo da semana nos xulgados da Parda e na Audiencia para defender o dereito á folga e á liberdade sindical

Protesta nos Xulgados da Parda contra a represión sindical
Protesta nos Xulgados da Parda contra a represión sindical / AXG-CUT

Funcionarios de xustiza concentrábanse este martes ante o edificio dos xulgados da Parda para protestar polos expedientes disciplinarios incoados durante a folga do persoal de xustiza a dous traballadores.

Consuelo Rodríguez, da CIG, e Javier Fernández, de AXG- CUT, traballadores na Coruña foron expedientados por falta grave ao tratar de evitar a vulneración dos servizos mínimos, segundo sinalan os sindicatos convocantes destas concentracións, AXG- CUT, CIG e  STAJ.

Este mércores levarán a cabo unha nova concentración ante a Audiencia Provincial, mentres que o xoves volverán manifestarse na Parda e o venres trasladarán, de novo, a súa protesta ante o edificio da Audiencia. Traballadores dos xulgados de Cambados e de Marín tamén se uniron a estas concentracións ante as sedes xudiciais das súas localidades.

Os representantes sindicais chaman ao persoal de xustiza a que se some a estes actos para defender o dereito á folga e á liberdade sindical.