Concentración do persoal de xustiza á espera de que a negociación chegue a bo final

Pontevedra
09 de marzo 2018
Actualizado: 10 de marzo

Funcionarios dos edificios xudicias volveron manifestar as súas protestas tanto no interior como no exterior da Audiencia Provincial mentres en Santiago, Xunta e representantes sindicais negocian para tentar poñer fin á folga

Concentración de persoal de Xustiza
Concentración de persoal de Xustiza / Alternativas na Xustiza-Cut

Persoal dos edificios xudiciais de Pontevedra continúan coa folga da administración de xustiza e cos actos de protesta convocados en toda Galicia. 

Este venres concentrábanse tanto nas escaleiras interiores da Audiencia Provincial como no exterior indicando con carteis que nesta xornada atopábanse simbolicamente en Santiago apoiando aos negociadores na nova mesa de diálogo aberta coa Xunta de Galicia para tentar alcanzar un acordo económico entre ambas as partes.

Ao longo deste venres transcendeu que os representantes da administración autonómica están a ofertar cantidades para mellorar os salarios en 2018 pero os sindicatos (SPJ USO, Alternativas na Xustiza  CUT, FeSP UXT, CSIF, STAJ, CIG e CCOO) consideran insuficiente este achegamento económico.

A última proposta da Xunta que quedou sobre a mesa de negociación este venres foi de 105 euros lineais para todos os corpos, mentres que os sindicatos reclaman 190 euros lineais. As propostas establécense a tres anos vista, segundo fontes sindicais. Desde a administración autonómica quérese pechar primeiro a cantidade de mellora e despois estudar as anualidades. O luns continuarán as negociacións, que foron avanzando a bo ritmo durante as últimas horas.

O persoal de xustiza leva máis dun mes de paro laboral, que está a afectar no desenvolvemento da actividade nos xulgados de toda a comunidade autónoma.