Concentración en Raxó para requirir persoal médico e un servizo sanitario "con todas as garantías"

Poio
08 de xullo 2022

Máis de duascentas persoas participaban este xoves no acto reivindicativo convocado pola Mesa polos Dereitos da Sanidade Pública de Poio para reclamar á Consellería de Sanidade que adopte as medidas precisas para dotar a Poio da "cobertura médica que merece". O consultorio de Raxó leva desde o luns 4 de xullo sen persoal médico. Na protesta participaron representantes de todos os grupos políticos da corporación encabezados polo alcalde Luciano Sobral

Concentración de protesta para demandar persoal médico no consultorio de Raxó
Concentración de protesta para demandar persoal médico no consultorio de Raxó / Concello de Poio

A situación que se rexistra no consultorio de Raxó desde o luns 4 de xullo sen presenza de persoal médico neste centro sanitario provocou que na tarde deste xoves ao redor de duascentas persoas se concentraran para demandar un servizo asistencial "con todas as garantías". A protesta, convocada pola Mesa polos Dereitos da Sanidade Pública de Poio, contou coa presenza de representantes de todos os grupos políticos da corporación municipal, encabezados polo alcalde Luciano Sobral. 

Os manifestantes instalaron unha pancarta indicando que o consultorio de Raxó non se pecha. Demandan un cambio na política do Sergas que decidiu non cubrir as baixas por vacacións do persoal médico durante o verán, decisión que provocou que o consultorio da parroquia de Poio só conte con servizo de enfermería e Persoal de Servizos Xerais, obrigando ás persoas residentes en Raxó que precisen consulta médica a trasladarse a outro centro sanitario coas dificultades que supón para persoas con problemas de mobilidade.

Luciano Sobral (BNG) interveu durante a concentración para anunciar que Poio continuará realizando protestas para esixir á Xunta de Galicia que adopte as medidas precisas para dar ao municipio a "cobertura médica que merece". Lembrou que no verán a poboación de Raxó triplícase e é necesario cubrir as vacacións da doutora do consultorio con outro profesional facultativo.

A concelleira Silvia Díaz, de Avante Poio, alertou sobre a "situación de colapso" que sofren os centros sanitarios de Anafáns e Combarro, onde tampouco se cobren as baixas dos profesionais sanitarios. o socialista Gregorio Agís, tenente de alcalde, manifestou que Poio ten o cociente máis baixo de médicos por número de habitantes e demandou unha Sanidade Pública de garantías. Tamén Ángel Moldes, portavoz do PP, acudiu á cita e destacou a unidade de todos os grupos por encima de ideoloxías para esixir solucións a este problema.

O Concello enviou xa un escrito ao Sergas para concertar unha reunión urxente ao xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, para tratar estes temas. Polo momento, segundo informan desde o goberno local, non recibiron resposta a esta solicitude.