Concentración feminista en apoio ás vítimas do exhibicionista de Lourido: "Unha agresión non pode ser sanción"

Pontevedra
22 de outubro 2021

O colectivo Feminista de Pontevedra convoca para este sábado 23 de outubro ás 19:00 horas na Praza da Peregrina unha concentración en apoio ás vítimas do exhibicionista de Lourido, un home que se masturbó a poucos metros delas e sacoulles fotografías en topless

Cartaz da concentración en apoio ás vítimas de Lourido
Cartaz da concentración en apoio ás vítimas de Lourido / Colectivo Feminista de Pontevedra

O colectivo Feminista de Pontevedra convoca para este sábado 23 de outubro unha concentración en apoio ás vítimas do exhibicionista de Lourido, un home que se masturbó a poucos metros delas e sacoulles fotografías en topless.

O agresor foi denunciado á Policía Local de Poio, que o localizou para despois darlle o alto na rúa Peirao Besada. Cando o pararon, os axentes comprobaron o seu teléfono, onde atoparon que tomara nove imaxes de mulleres en topless. Ademais, no interior do vehículo localizaron unha defensa extensible, arma utilizada polas forzas de seguridade debidamente autorizada para a súa porte, pero que para el está prohibida.

"Unha agresión non pode ser sanción" é o lema da concentración, xa que este tipo de "actos de exhibición obscena" con reincidencia e "portar unha arma prohibida en vía pública sen a debida autorización" están castigados con multas de 601 a 30.000 euros.

Ademais, reclaman a falta de protección das mulleres, "se quen nos ten que protexer nos agrede, de quen nos podemos fiar?".

Durante o acto, as feministas lerán un manifesto onde algunhas das vítimas do exhibicionista de Lourido achegarán o seu sentir e como lles está afectando toda esta situación. "Esto le puede pasar la cualquier mujer y no hay ley actualmente que recoja que esto es una forma de agresión machista", reclaman.

A convocatoria está prevista para as 19:00 horas na Praza da Peregrina.