Concentración moteira para despedir o mes de maio en Bueu

Bueu
24 de maio 2023

Os días 26, 27 e 28 de maio realízanse na contorna de As Lagoas diversas actividades moteiras nas que participarán máis de 160 persoas chegadas de toda Galicia e outras partes do Estado

Presentación en Bueu da décima edición da "Concentración de Moteros do Morrazo"
Presentación en Bueu da décima edición da "Concentración de Moteros do Morrazo" / Concello de Bueu

O Concello de Bueu prepárase para acoller esta fin de semana a ‘Concentración Moteros do Morrazo 2023’.

Este mércores, no aparcadoiro de As Lagoas, tivo lugar o acto de presentación da concentración moteira, á que acudiron o alcalde de Bueu, Félix Juncal, o concelleiro de cultura, Xosé Leal, a concelleira de promoción económica e turismo, Silvia Carballo; e o presidente da Asociación de Moteiros do Morrazo, Borja Portela, acompañado por tres membros da directiva.

Portela catalogou como “moi boa” a previsión da concentración, pois vendéronse un total de 160 inscricións anticipadas, o que representa o dobre ca o ano pasado. Ademais, dende a directiva da asociación explican que hai participantes anotados doutros puntos do país, como de Asturias, Cantabria e Canarias.

O evento dirixido aos amantes do mundo do motor celebrarase este fin de semana, os días 26, 27 e 28 de maio na zona de As Lagoas.

As xornadas sobre rodas darán comezo o venres día 26 coa apertura de inscricións ás 17 horas para as persoas interesadas en formar parte do evento. Neste día, non se realizarán actos moteiros, pero os asistentes poderán gozar de música a través do concerto de ‘La Quinkillada’, a partir das 22.30 horas, e despois dos djs Chimo Cabreira, Charlie Style y Ruben Díaz.

O sábado 27 a apertura de inscricións comeza ao mediodía, mentres que os actos moteiros dan o pistoletazo de saída ás 17 horas, cunha ruta pola zona. O traxecto iníciase en Bueu, pasando pola Graña, a rotonda da Magdalena, a rotonda dos Mexillóns e continuando por Aldán, onde se realizará unha parada no peirao. O regreso efectuarase por Beluso, ata o punto inicial.

A exhibición stunt será o seguinte espectáculo, que terá lugar ás 19 horas, en Ramón Bares, da man de Paulo Martinho. Neste mesmo intre, dáse apertura ás inscricións para a proba de decibelios e motos lentas, a cal se efectuará pola noite. Os moteiros e moteiras que queiran desfrutar dunha cena con apaixonados do motor poderán participar na cena para inscritos, na que se realizarán sorteos de agasallos.

A xornada máis ardente non rematará aquí, pois ás 00.30 horas dará comezo a tradicional ruta nocturna con fachos, en homenaxe aos compañeiros caídos, a través das rúas da vila. Ao rematar a ruta, os inscritos volverán gozar das súas vantaxes cunha queimada gratis e máis sorteos de agasallos. A festa continuará a cargo dos djs Rubén Díaz e Dj Toño.

A mañá do domingo día 28 non será menos movida cas anteriores, pois os inscritos poderán deleitarse dun almorzo entre as 10 e as 11.30 horas. Despois de encher o estómago, efectuarase a última ruta moteira cun percorrido ata Marín. As xornadas pecharán cunha sesión de vermú e pinchos amenizada pola ‘Charanga Charandonga’ ás 13 horas. No mesmo espazo realizarase a entrega de trofeos. 

As persoas que desexen inscribirse nalgunha actividade da concentración, terán que achegarse á billeteira no horario de apertura. O prezo é de 17 euros para socios e 22 euros para o resto de persoas. A inscrición inclúe unha caña de benvida, bolsa de agasallo, camiseta, facho, a cena do sábado e o almorzo do domingo; así como acampada con duchas e a participación nos sorteos de regalos.

Por mor da celebración do evento moteiro, o Concello informa á cidadanía dos cortes de tráfico que se efectuarán ao longo destes días na vila. O xoves día 25, dende as 14 horas, pecharase o tráfico e o aparcadoiro na Rúa López Cortizo Ferrolán. A circulación e o acceso ao aparcadoiro retomarase o domingo día 28 ás 16 horas.

As rúas Xosé María Estévez e Johan Carballeira estarán cortadas, agás garaxes, a partir das 13 horas do venres, ata o domingo día 28, á mesma hora. O tráfico tamén permanecerá pechado na Rúa de Ramón Bares dende o sábado día 27 ás 14 horas, concretamente dende o cruce da Rúa Pedra ata a Rúa Staffan Mörling, a causa da exhibición. Os vehículos poderán volver circular por este espazo a partir das 21 horas do mesmo día.