Este sábado houbo unha nova concentración fronte á Audiencia Provincial de Pontevedra en repulsa contra os últimos crimes machistas.
A convocatoria da Plataforma Feminista Galega chegou tras o suceso de Becerreá, onde unha muller, Ana Gómez Nieto, de 40 anos, foi asasinada polo seu compañeiro, pero lamentablemente, este mesmo sábado outras dúas mulleres foron asasinadas a mans, presuntamente, das súas parellas.
Nun dos casos, en Valencia, a vítima, de 71 anos morreu tras recibir unha serie de coiteladas. A segunda vítima, unha muller danesa de 70 anos, foi achada morta ao final dunha escaleira en Fuengirola con signos de violencia.
De confirmarse que as tres mulleres mortas desde o xoves en Becerreá (Lugo), Fuengirola (Málaga) e en Valencia foron a mans das súas parellas, as vítimas por violencia de xénero en España en 2016 ascenderían a 11. En xaneiro producíronse oito asasinatos de mulleres por parte de compañeiros sentimentais. O ano pasado, 56.