Concentración silenciosa en Bueu en contra das violencias machistas

Bueu
25 de novembro 2019

No manifesto sinalouse que "a violencia contra as mulleres ten moitas caras e perpetúase no mantemento dun sistema patriarcal"

Concentración silenciosa en Bueu polo 25 de novembro
Concentración silenciosa en Bueu polo 25 de novembro / Concello de Bueu

O Concello de Bueu celebrou este luns unha concentración silenciosa en contra das violencias machistas.

Ana Isabel Otero, concelleira de igualdade, leu unha declaración institucional, e a continuación interveu Iria, unha moza estudante que reclamou a necesidade de saír ás rúas para defender os dereitos das mulleres.

Ao acto, no que se gardou tamén un minuto de silencio pola memoria das mulleres asasinadas este ano, asistiron o alcalde da vila, Félix Juncal, a concelleira de benestar social, Macu Rodríguez, a edil de medio ambiente, Tamara Sotelo, e o de urbanismo, Martín Villanueva, ademais de profesorado e alumnado dos centros educativos.

No manifesto sinalouse que "a violencia contra as mulleres ten moitas caras e perpetúase no mantemento dun sistema patriarcal".

PUBLICIDADE SEXISTA

No marco das actividades organizadas co gallo do 25 de Novembro a Sala Domínguez Búa acolleu na tarde deste luns a inauguración da exposición sobre publicidade sexista que elaborou o alumnado e o profesorado do IES Illa de Ons.

Diana Vilas, mestra de historia e unha das coordinadoras do proxecto, explicou que esta mostra nace dun traballo realizado na materia de igualdade, a través da cal o alumnado realizou un debate previo arredor de estereotipos e roles de xénero, para a continuación crear imaxes nas que se reflexiona sobre que está detrás das violencias exercidas contra as mulleres. Un destes traballos foi merecedor do 2º premio no I Concurso de imaxes gráficas convocado pola Secretaría Xeral de Igualdade e a Dirección Xeral de Educación, con motivo do 25 N. 

A mostra poderase ver ata o 2 de decembro e o horario de apertura será de luns a venres, entre as 16.30 e as 20.30 horas, e as fins de semana, entre as 11.30 e 13.30 horas e das 16.30 ás 20.30 horas.