Concentracións para demandar probas PCR para o persoal sanitario

Pontevedra
28 de abril 2020

Os representantes dos traballadores do complexo hospitalario protagonizaban concentracións este martes 28 no Hospital Provincial e en Montecelo para denunciar que desde a xerencia non se atende as peticións dos comités de seguridade e saúde e de prevención. Piden máscaras de protección FFP2 e máis persoal para os centros de Atención Primaria

Concentración do persoal sanitario diante do Provincial Diego Torrado

Representantes da xunta de persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) concentrábanse este martes ante as portas do Hospital Provincial e de Montecelo para denunciar a política sanitaria por parte da consellería de Sanidade e as prácticas da xerencia ante a crise provocada pola expansión do coronavirus. 

Rafael Vázquez, portavoz da xunta de persoal, explicaba que esperaron a que diminuíse a actividade hospitalaria derivada da COVID-19 para realizar esta protesta. Indicou que para este acto estableceron as medidas de seguridade portando máscaras e gardando un metro e medio de distancia entre os manifestantes. Neste sentido sinalaban que esta protesta realizábase en "mellores condicións que o traballo que realizan nos centros sanitarios".

Alertan de que o persoal dos centros hospitalarios de Pontevedra continúa á espera de que se lles faga a proba necesaria para saber se están contaxiados. Rafael Vázquez afirma que un 60% do persoal sanitario ha pasado o coronavirus sen que se lle realizaron as probas, xa que a maioría son asintomáticos. E por este motivo, reclaman que se lles realicen as probas PCR para todo o persoal sanitario, de maneira preferente.

Denuncian que os primeiros días tiveron que enfrontarse á situación sen máscaras que lles protexesen. E afirman que na actualidade, a xerencia non considera obrigatorio o uso de máscaras para os profesionais sanitarios, senón que soamente recoméndase o seu uso. E sinalan que os celadores, que recollen a pacientes cando chegan aos centros hospitalarios, víronse obrigados a realizar este traballo sen bata e sen máscara. Por iso, reclaman a dotación de máscaras FFP2 a todo o persoal.

Vázquez afirma que isto demostra que a política tanto do Goberno central como da Xunta de Galicia ignora a lexislación española en materia de prevención de riscos laborais. Neste sentido, destacan que ata mediados de marzo non se puxeron en marcha os comités de seguridade e saúde e de prevención, ademais lamentan que a xerencia ignorase as indicacións da Organización Mundial da Saúde na que se indicaba que o sector sanitario era o que máis perigo corría e que, ademais, formaba un vector de transmisión para a poboación. "É un desastre total", sentencia o portavoz dos representantes sindicais.

E sinala que a situación continúa sendo problemática porque o xerente non ten en conta as indicacións dos delegados de prevención no comité de seguridade e saúde. Desta forma piden que estas unidades sexan independentes da xerencia e tamén fan un chamamento para que se adecúen os equipos de protección individual (EPIs) a cada posto de traballo realizando unha avaliación previa.

Pola súa banda, a enfermeira María Almón sinalaba que o enfado do persoal é manifesto e denunciou que desde a xerencia se lles chamaba a atención ao principio da pandemia evitando que se utilizasen as máscaras de protección entre o persoal, agás en caso de presenza de pacientes con patoloxías respiratorias.

"Estivemos nunha batalla na que non tivemos os medios adecuados, e sen coidado, modos nin formas", laméntase Almón. "Podemos ter pouco medios pero non me digas que son unha esaxerada", sinalaba esta enfermeira para recalcar que "a maior indignación é que se nos tratou mal".

Todos os martes e xoves manteranse estas concentracións nos Hospitais Provincial e Montecelo para denunciar a situación pola que atravesa o persoal sanitario durante este estado de alarma.