Conclúe a construción dunha senda peonil en Portosanto

Poio
01 de febreiro 2020

Esta actuación, impulsada pola Consellería de Infraestruturas ante as peticións veciñais, supuxo un investimento de máis de 48.000 euros

Senda peonil na PO-309 en Portosanto, Poio
Senda peonil na PO-309 en Portosanto, Poio /

A Xunta de Galicia finalizou a construción dunha nova senda peonil na estrada PO-309 en Portosanto, Poio.

Trátase dunha reiterada demanda veciñal nun vial que comunica coa autipista AP-9 e que conta cun notable volume de tráfico debido a esta circunstancia.

A nova senda conta cunha lonxitude duns 400 metros e permite conectar dunha maneira máis segura a Avenida Peirao Bicada con Avenida Colón, Camiño das Bocas e Camiño Pateira, dando servizo a equipamentos como a escola infantil, o Museo Colón ou as instalacións deportivas.

A intervención incluíu a mellora da iluminación na estrada, coa instalación de 14 novas luminarias, a protección dos pasos de peóns e a extensión nunha das beiravías dun microaglomerado pintado para as persoas que percorran a estrada.

Esta actuación, impulsada pola Consellería de Infraestruturas e enmarcada dentro do programa operativo FEDER 2019-20, supuxo un investimento de máis de 48.000 euros.