Conclúe a reparación dun dos aparcamentos disuasorios do Pavillón, que reabrirá o martes día 2

Pontevedra
30 de outubro 2021

A partir do luns 8 de novembro será pechado o segundo dos aparcamentos da zona para a execución e continuación das obras

Aparcadoiro disuasorio do Pavillón Municipal tras o seu acondicionamento
Aparcadoiro disuasorio do Pavillón Municipal tras o seu acondicionamento /

Os condutores poderán a volver facer uso, a partir do martes día 2 de novembro, dun dos aparcamentos disuasorios do Pavillón Municipal dos Deportes, pechado durante as últimas semanas para acometer traballos de mantemento.

Así o confirmou o Concello de Pontevedra unha vez dado por finalizada a actuación por parte dos técnicos municipais.

En concreto acometeuse o acondicionamento da chaira coa renovación e mellora do firme e realizáronse tarefas de roza e limpeza en xeral.

Unha vez pechada a primeira fase dos traballos, a partir do luns 8 de novembro dará comezo a actuación no segundo dos aparcamentos disuasorios do Pavillón, polo que o seu acceso quedará restrinxido aos vehículos polo menos durante quince días.

O acondicionamento destes aparcamentos conta cun orzamento total de 47.626,06 euros.