Conclúen as obras de mellora da PO-234 entre Ponte Caldelas e Laxoso

Ponte Caldelas
12 de xuño 2020

As obras supuxeron un investimento de 525.000 euros e serviron para ampliar o ancho da vía e corrixir algúns puntos do trazado

A Xunta mellora o tramo da PO-234 entre Ponte Caldelas e Laxoso
A Xunta mellora o tramo da PO-234 entre Ponte Caldelas e Laxoso / Xunta de Galicia

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dá por finalizadas as obras de mellora da estrada autonómica PO-234 entre Ponte Caldelas e Laxoso. Os traballos supuxeron un investimento superior aos 525.000 euros e serviron para actuar nun tramo de 2,16 quilómetros.

Na intervención ampliouse a calzada ata alcanzar un ancho de sete metros e realizáronse pequenas rectificacións do trazado. Ademais, executáronse cunetas de seguridade ao longo de 1,6 quilómetros de estrada.

Con esta actuación conclúe a segunda fase da reforma desta vía que une os núcleos de Ponte Caldelas e Aguasantas, unha vez que xa foi acondicionado o tramo entre Aguasantas e Portasouto.

As obras terán unha terceira fase, cuxo proxecto se atopa aínda en fase de redacción, consistente na mellora da vía entre Laxoso e o cruzamento de Portasouto, en territorio de Cerdedo-Cotobade. Unha obra adxudicada a Enxeñería Proxectos Técnicos SL por un importe superior aos 18.000 euros.