Conclúen as obras do sistema de subministración eléctrica soterrada para os Baños do San Xusto

Cerdedo Cotobade
19 de novembro 2022

Estes traballos foron contratados por un importe superior a 104.000 euros. A nova acometida permite trasladar electricidade desde Barbeitos, na Nacional N-541, ata a estación termal para o seu funcionamento

Instalacións eléctricas para conectar con Baños do San Xusto
Instalacións eléctricas para conectar con Baños do San Xusto / Concello de Cerdedo-Cotobade

Xa finalizaron os traballos para conectar a rede eléctrica das instalacións de Baños do San Xusto, no municipio de Cerdedo-Cotobade, despois de que a empresa Hallmann Energy realizase as obras orzadas por un montante de 104.658 euros, financiados coa participación do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

O proxecto consistía en converter a liña de alta tensión en media, a través dun transformador coa canalización subterránea do tendido eléctrico ao longo de 1.100 metros, entre Barbeitos, xunto á estrada nacional N-541 e as instalacións da estación termal.

Instaláronse tamén as canalizacións de subministración de auga para a actividade na zona de Baños do San Xusto. A subministración de auga contou, segundo o goberno local, coa autorización dos comuneiros de San Xurxo.

A obra permitirá tamén trasladar enerxía eléctrica á Carballeira de San Xusto e á capela ofertando iluminación permanente ao templo.

Por outra banda, o Concello de Cerdedo-Cotobade anuncia que, en breve, adxudicará o acondicionamento paisaxístico da contorna e accesos á Carballeira cun investimento de case 300.000 euros dentro do Pacto pola Paisaxe, primeiro que se asina en Galicia e que se centra nas zonas próximas aos meandros do río Lérez.

Jorge Cubela, alcalde do municipio, afirma que se trata dun proxecto ambiental ambicioso que busca crear un punto de atracción turística nesta zona próxima aos Baños de San Xusto, aproveitando as estacións de arte rupestre da contorna.