Conclúen as obras na estrada provincial Cerdedo-Castro-Quireza

Cerdedo Cotobade
22 de maio 2024

A Deputación de Pontevedra acaba de rematar estas obras de mellora nas que investiu 185.000 euros

Visita á estrada provincial EP-7103 Cerdedo-Castro-Quireza
Visita á estrada provincial EP-7103 Cerdedo-Castro-Quireza / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra acaba de rematar as obras de mellora da estrada provincial EP-7103 Cerdedo-Castro-Quireza nas que investiu 185.000 euros. 

A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, percorreu a estrada provincial ao seu paso por Deán e Castro xunto co alcalde de Cerdedo-Cotobade e tamén deputado provincial, Jorge Cubela, para coñecer as actuacións desenvolvidas.

As obras acometidas nesta estrada provincial de Cerdedo-Cotobade, tal e como informou a deputada provincial, comprenderon por unha banda actuacións de asfaltado e pola outra a execución de cunetas de seguridade, ámbalas dúas enmarcadas no Acordo Marco de Obras de Conservación de Firmes das Estradas provinciais (lote 2) e no Acordo Marco de Cunetas de Seguridade (lote 1). 

Ao detalle, asfaltáronse tramos da estrada provincial nos núcleos de Deán e de Castro, por importe de 85.000 euros, e executáronse cunetas de seguridade no núcleo de Deán, cun investimento de 100.000 euros.